Completa o Camiño de Santiago correndo para concienciar sobre os transplantes

p. s. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

O ourensán Javier Castro recibiu un de medula hai case dous anos e é a segunda vez que cobre a ruta en dezasete días

18 jun 2018 . Actualizado ás 17:51 h.

Ten motivos Javier Castro (Ourense, 1972) para estar feliz. O ano pasado, cando se decidiu a facer o Camiño de Santiago por estas mesmas datas, levaba uns meses vivindo dos beneficios dun transplante de medula. Decidiu repetir. Para demostrarse que está ben e para dar voz á necesidade de quen viven pendentes da xenerosidade dun descoñecido, que decide doar medula, ou asume a doazón doutro órgano, segundo as circunstancias, non sempre felices. «Isto é coma se fixese un trato. Santiago, mantenme con vida, que eu che veño ver cada ano», confesaba onte, satisfeito do logro, despois de dezasete xornadas máis que maratonianas, con medias de 46 quilómetros diarios á carreira, cun lastre moi controlado de 6,3 quilos cargando sobre os ombros. «En realidade houbo un día, en Asturias, que non atopaba onde durmir e foron 74 quilómetros nunha xornada», indica Javier, que saíu o día 1 de xuño de San Xoán de Luz, pasou a noite do sábado en Boimorto, saboreou Compostela o domingo, onde chegou sobre as dúas da tarde. Aínda con sol, volta a casa para descansar sen a presión do reloxo, a necesidade de levantarse ao alba para someterse a unha sucesión de duras xornadas que o levaron de albergue en albergue. Ás nove, tarde ou noite, segundo quen interprete o momento, xa estaba en cama. Descansando. E así un e outro día para demostrarse e transmitir, a quen queira escoitalo, «que hai que loitar, asumir retos e proporse resolvelos: quen llo propoña pode facer cousas que ás veces nin pensaría que podía».

Queda a mensaxe, que é a parte fundamental para o protagonista. Non esquece as doazóns. É a pura supervivencia. «Falo de medula, pero en xeral. Son moi escasitas e fan moita falta», di Javier, que chega a casa con case sete quilos menos polo intenso exercicio.