A cifra de paradas cardíacas en Ourense estímase en 250 ao ano

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

F. Ulloa

Os profesionais apuntan a necesidade de mellorar no coñecemento das manobras de resucitación entre a poboación

09 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cada minuto que pasa sen que unha persoa con parada cardíaca reciba auxilio supón un 10 % menos de posibilidades de sobrevivir e incrementa os danos neurolóxicos que, de lograr superar o paro, deixaranlle graves secuelas. A cuestión non é baladí e onte, o xefe do Servizo de Medicina Intensiva do CHUO, Víctor López, apuntaba á necesidade de concienciar á sociedade nas vantaxes de coñecer a manobras de recuperación e a chamada cadea de supervivencia para saber como actuar «porque xeralmente estes episodios se producen en casa ou a contorna habitual e a maioría dos pacientes son recuperables». O responsable do servizo do CHUO indica que «en Ourense poderiamos estar ao redor das 250 paradas cardíacas ao ano», baseándose nos últimos datos estatísticos sobre a incidencia, que fixa 84 paradas por cada cen mil habitantes.

Precisamente a parada cardíaca e a atención ao shock cardiogénico integra un dos tres bloques do congreso da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias (Sogamiuc) que se celebra en Ourense este venres coa participación dun centenar de especialistas galegos, organizado desde este servizo do CHUO. O segundo será para as infeccións críticas que poden ocasionar sepsis, unha grave disfunción orgánica potencialmente mortal, causada pola resposta inmunológica desproporcionada fronte a unha infección. Aínda que sexa pouco coñecida socialmente, a sepsis é bastante frecuente, segundo relataba Pablo Vidal Cortés, responsable da unidade específica para a súa abordaxe que existe no CHUO. En España falecen cada ano máis persoas por sepsis que por cancro de mama, de colon, de páncreas ou mesmo por accidentes de tráfico. O encontro do venres servirá para profundar na coordinación e a rapidez de resposta dunha patoloxía que é letal entre o 20 e o 30 % dos casos.

As novas estratexias para mellorar os datos de doazón de órganos será a terceira parte do congreso. O coordinador da Unidade de Transplantes do CHUO, Juan Cortés, lembraba que esas novas estratexias e técnicas -como a doazón en aistolia controlada, que xa realiza o hospital ourensán-, así como os avances no tratamento dalgunhas enfermidades crónicas facilitaron que sexa viable realizar transplantes con órganos de persoas que antes se rexeitaban por esas patoloxías ou pola súa idade avanzada.