16 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa nos quitamos de amais o luns máis triste do ano. Ou iso defendía un psicólogo da galesa Universidade de Cardiff. Responde ao nome de Cliff Arnall e dise que botou man de diversos detalles como as débedas adquiridas durante as festas do Nadal, a falta de motivación ou os primeiros incumprimentos daqueles bos propósitos do novo ano, aderezados coa climatoloxía invernal do hemisferio norte. Todo iso, na mesma coctelera, guindou o cálculo de que o inicio da terceira semana de xaneiro merecía o xa famoso título de blue monday.

Pois nada, míster Arnall, que por aquí, un pouco máis ao sur -hai que ver, que sempre nos consideramos norteños-, estamos a pasalo un pouco mellor, ou polo menos o intentamos, que non é pouco. En Ourense talvez non somos un exemplo de prosperidade ao cen por cento, pero non nos quitan a ilusión e mesmo no terreo deportivo levámonos algunha alegría, como a de ver que un rapaz de Xinzo de Limia forxouse na escola de Maceda para chegar a proclamarse campión de España de ciclocrós, case ao mesmo tempo que un cadete ponteareán con síndrome de Down era capaz de competir cos mellores, que iso tamén nos empurra ao bo rolo.

A mediados de xaneiro tamén nos alegra que o COB se resista a sufrir os seus herdados males ou que o Centro de Deportes Barco pelexe cos máis poderosos da Terceira División. Mesmo que a Unión Deportiva Ourense encarrile o seu cuarto ascenso consecutivo e mire de preto ao fútbol de nivel nacional, mentres nos acordamos do histórico rojillo. É cuestión de optimismo e de deixar atrás a tristeza.