Burgas e Envialia afrontan dúas relevantes probas

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

Álvaro Vaqueiro

Soto del Real e Alcorcón serán os rivais das ourensás

21 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Segunda xornada de liga con dous retos significativos para o Cidade dás Burgas e o Ourense Envialia. Tras a derrota na primeira xornada ante o Móstoles (3-0), o equipo de Manolo Codeso estrea a tempada como local ante o Soto del Real nun partido que ten dobre importancia: enfrontarse a un equipo dos chamados a estar na loita por evitar o descenso e facelo como local.

A proba será importante para ver como responde un equipo tan novo como o Burgas ao xogar onde debe cimentar a súa permanencia, nos Remedios, e para ver cal é a reacción da sempre fiel afección, que este ano máis que nunca debe estar para axudar a un conxunto en clara formación.

Sensacións

As sensacións da primeira xornada foron positivas, a pesar da derrota, e agardan referendalas cun bo encontro ante o Soto que poida ter valor dobre en caso de vitoria a final de tempada. Gañar antóllase moi importante polos puntos en xogo e pola moral do equipo e a tranquilidade e confianza que lle daría para seguir evolucionando.

Reto en Alcorcón

E mentres, o Ourense Envialia -que demostrou na primeira xornada goleando ao Cádiz (8-0) o seu excelente estado de forma como tamén o fixo na Supercopa de España- ten ante o si o reto de poder referendar o seu bo momento ante un rival dos favoritos para loitar por todo esta tempada, o Alcorcón de Vanesa Sotelo.

Sin duda una das canchas e dos equipos máis complicados da categoría, que servirá para seguir medindo o potencial das ourensás e que, como no caso do Burgas, aínda que cun obxectivo distinto, como o de Copa e o título de liga, terá valor dobre o resultado de cara ao final de tempada. Un reto significativo.