Pablo Rodríguez viaxa a Australia a pór o broche a unha boa campaña

OURENSE CIDADE

MIGUEL VILLAR

O macedano chega «ben» ao Campionato do Mundo de BTT

01 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Pablo Rodríguez Guede atópase de viaxe a Australia, onde o sábado 9 de setembro participará no Campionato do Mundo de BTT, que se disputará na cidade de Cairns. O corredor macedano puido pasar uns días en Ourense adestrando, tras regresar o luns de Italia cun duodécimo posto en ultímaa proba da Copa do Mundo celebrada en Val dei Sole.

«Estiven tranquilo, descansando un pouco», explicou o biker do MMR Factory Racing antes de tomar en Madrid un voo dunhas corenta horas con escalas en Dubái e Sídney antes de recalar no seu destino de Cairns, onde chegarán o sábado, sete días antes da proba, para ter tempo de recuperarse da viaxe, adaptarse ao horario australiano (oito horas máis) e á climatoloxía, explicaba Pablo Rodríguez.

O macedano atópase satisfeito do duodécimo posto que conseguiu ao final na xeral da Copa do Mundo. «Estou contento pola temporada porque foi regular. Fixen dous undécimos postos, un duodécimo, un décimo sexto e un sexto. Non rematei en podio como en Andorra ou acabar entre o top 5, pero estiven sempre nese segundo grupo, entre os quince e vinte mellores do mundo». Na clasificación por equipos, o MMR foi a cuarta mellor escuadra de todas as participantes.

De cara ao Campionato do Mundo, o último esforzo coa cita máis importante do ano para rematar a tempada, Rodríguez Guede apunta respecto da posibilidade de meterse entre os dez mellores: «Chego ben para pelexar nese grupo. Entre os quince primeiros na Copa do Mundo houbo pouco máis de un minuto de diferenza con respecto aos postos de podio e espero pelexar nese grupo e logo se verá se acabar entre os dez ou doce primeiros».

En Cairns non faltará ningún dos corredores importantes da modalidade, dando todo o que queda para acabar a tempada cun título ou cunha boa clasificación.