Un edil dos Blancos xulgado por agredir ao seu pai di que se caeu tras golpealo a el

La Voz OURENSE

OS BLANCOS

Eva Sarmiento

O fiscal pide para o concelleiro do PP unha condena de dous anos de cárcere por lesións

18 jun 2019 . Actualizado ás 08:31 h.

José Manuel B. J., de 45 anos, e concelleiro no concello dos Blancos, sentouse este luns no banco dos acusados do xulgado do penal de Ourense acusado dun delito de lesións. A vítima tería sido o pai do edil, quen segundo a versión do ministerio fiscal habería ir a casa do seu pai ao mediodía do 8 de maio do 2018. Tras discutir con el lle tería propinado unha puñada, provocando que caese o chan, onde o tería agredido de novo. A consecuencia dos feitos o prexudicado tería sufrido unha ferida inciso-contusa na cabeza, ademais doutras lesións. O incidente propiciou no seu día o arresto do edil, aínda que tras declarar ante a xuíza quedou en liberdade provisional.

Agora o fiscal solicita para José Manuel, quen nas últimas eleccións municipais figuraba como número 3 da lista polo Partido Popular, unha condena de dous anos de prisión, ao aplicarlle a circunstancia agravante de parentesco. Tamén solicita medidas de afastamento. Iso si, durante o xuízo o imputado negou os feitos, asegurando que fora o proxenitor quen o golpeou a el, caendo despois ao chan polo retroceso e golpeándose na cabeza.