«Paréceme imposible que fora o brigadista»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OS BLANCOS

Santi M. Amil

O alcalde dos Blancos non cre que o veciño detido fose o autor de sete incendios forestais

26 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Paréceme imposible que o brigadista fora o que puxera os lumes. É un rapaz do pobo, traballador, boa xente; a min paréceme dudoso». Así falaba o alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, sobre a detención de C. S. Q., de 22 anos, ao que a Garda Civil imputa sete incendios forestais declarados no municipio entre o 27 de agosto e 8 de outubro; e que afectaron a un total de 9,2 hectáreas de monte arboledo e a catro máis de monte raso.

O mozo foi detido e o martes pasou a disposición xudicial. Quedou en liberdade sen fianza, coa obrigación de presentarse os días 1 e 15 de cada mes no xulgado de Xinzo de Limia. Durante o verán C. S. Q. formou parte da brigada de extinción de incendios dos Blancos -era a primeira vez que tiña ese traballo- cun contrato de tres meses que xa rematou. Actualmente xa ten outro emprego. E antes de estar na brigada tamén estaba ocupado, situación á que alude o rexedor para entender que non tiña carencia económica nin motivación algunha para prender lume. «Nunca se sabe, porque ao final pode ser calquera, pero a min paréceme moi dudoso, porque é un rapaz traballador e sociable», destacaba o rexedor, que explicaba que falara co brigadista e leste aseguroulle a súa inocencia. «Dime que non hai probas nin indicios, que son acusacións falsas», resaltaba Castro. E remataba: «Eu confío na súa palabra, porque o coñezo. Case me parece imposible que fora el».

Pola estrada

O nome do brigadista entrou dentro das sospeitas dos axentes que investigaban os incendios ocorridos nos Blancos ao detectar que circulaba con frecuencia pola estrada que une a capital municipal coa vila de Os Cuquexos, punto de inicio dos lumes e un viario pouco transitado. O mozo defende a súa inocencia.