Un domingo a mesa posta

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OÍMBRA

Santi M. Amil

A calor non impediu que miles de persoas se movesen para gozar das citas gastronómicas

06 ago 2018 . Actualizado ás 11:20 h.

Oímbra uniuse onte aos municipios ourensáns que esta fin de semana ofrecían o mellor da súa gastronomía local. Tres mil persoas, segundo a organización, sumáronse a esta cita na que se deu boa conta de mil quilos de pementos producidos polos veciños do municipio e púidose gozar da boa man e a orixinalidade dos participantes no concurso de cociña.

Tamén en Arnoia deron boa conta dos últimos pementos da remesa de tres toneladas preparada para a festa de exaltación deste produto con indicación xeográfica protexida. Un banquete ao que, ben é certo, algúns chegaron con apetito despois de participar na carreira popular e outras coa intención de aguantar ata o fin de festa co grupo Treixadura.

En Castrelo de Miño, os afeccionados ás anguías volveron gozar da cita gastronómica en Barral. A chaira fronte ao parque náutico era un lugar máis que apetecible para pasar a xornada e máis dun non puido evitar darse un bo mergullo no encoro. O pan puxérono en Allariz. La Torre de Seoane acolleu a recreación da fornada na última cita do ciclo de festas etnográficas. Mesmo no Irixo, onde os protagonistas eran os cabalos e as súas destrezas, gozaron de polbo e a carne ó caldeiro nunha comida popular.

Pero non foron estes os únicos banquetes. Nos fogares de Avión, Celanova, Maceda, Manzaneda e A Rúa, que estiveron de festa, era o día de recibir invitados e agasallalos na mesa.