Xabóns de froitas e plantas

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

O Irixo

Santi M. Amil

Puri López fai Xabóns Adeliña de forma artesanal e con produtos naturais

28 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os produtos de Xabóns Adeliña forman parte das cestas que creou o Concello do Irixo. Trátase de xabóns, champús e xeles elaborados con ingredientes naturais de forma artesanal por Puri López. «Aínda que eu son do Carballiño, a miña parella é do Irixo e nestes anos hanme feito sentir como unha filla adoptiva», di. Por iso a marca é de alí. «Os veciños non pairan de comprar para axudarme co negocio. Síntome totalmente agradecida», engade. Puri fai xabóns con glicerina vexetal e extractos de froitas e plantas. Engádelles colorantes, tamén vexetais, e, por encargo, dálles a forma que máis che guste. «Como detalle nunha celebración», explica.

Os de formato pastilla son de pepino, cenoria e aloe beira, de leite de cabra e manteiga de karité, de esencia de lilas ou de aceite de oliva, entre outros. Despois deses sacou o formato xel e tamén os champús. Están indicados para peles de todo tipo, atópicas, sensibles ou con psoriasis, entre outras. «Agora tamén fago augas de colonia, a idea é ir aos poucos sumando novas propostas. Todas naturais», explica. Xabóns Adeliña naceu en xaneiro, antes da pandemia. «É algo que quería facer desde facía moitos anos. Creo que pensamos tanto se facer as cousas que ao final non facemos nada, así que este ano por fin me atrevín», di Puri. A súa é unha empresa rural e chámase así pola súa sobriña. «Adela ten catro aniños e é unha peza fundamental na miña vida. Quería que protagonizase o proxecto e faime moitísima ilusión que leve o seu nome», remata.