Medio ano de prisión por un incendio con danos de 28 euros

La Voz OURENSE / LA VOZ

O Irixo

Agostiño Iglesias

O responsable do suceso deberá pagar tamén 250 euros á Xunta polos gastos de extinción das chamas

19 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Quería queimar maleza Juan Antonio A. H. nunha leira da súa irmá na parroquia de Parada de Laboite, no Irixo, na mañá do 27 de abril do 2017. O lume descontrolouse e aínda que a superficie queimada non foi moita, o responsable do incendio foi identificado pola Policía Autonómica, acusado posteriormente, xulgado e condenado. Conformouse o implicado coa pena que lle propuxo o fiscal, sensiblemente inferior á que inicialmente propuxera o ministerio público por un suceso que xerara danos por valor de 28 euros e xerado á Xunta un prexuízo de 250,81 euros, correspondentes á tasación dos gastos de extinción.

Ano e medio, de entrada

Sobre o acusado, de 71 anos, pesaba unha solicitude de condena de ano e medio de prisión, cunha multa de dezaoito meses a razón de seis euros diarios, é dicir, 3.240 euros, á parte do abono dos gastos á administración autonómica, pola mobilización de medios que fixera o día do suceso, ao ser detectadas as chamas. A disposición do acusado, disposto a admitir a súa responsabilidade, levou ao fiscal a reducir a proposta de pena, que quedou en seis meses de prisión e unha multa de 360 euros. Os danos materiais non foron reclamados por ninguén.

A fiscalía valorou no seu día que o acusado fixera caso omiso das máis elementais normas de coidado, sen coidar a contorna onde pretendía queimar a maleza, nin cerciorarse de que o lume quedaba debidamente extinguido ao abandonar o lugar.

Época de alto risco

Prohibira a Xunta as queimas o 10 de abril anterior ao incendio. E aquel día era moi alto o índice de risco diario de incendio, segundo detalla a fiscalía. Reproduciuse o lume e propagouse a leiras lindeiras. Afectou a unha superficie de 0,27 hectáreas, extensión da que apenas douscentos metros cadrados corresponden a terreo arboledo.

Os propietarios das leiras afectadas polas chamas renunciaron expresamente ao exercicio de accións civís e penais, aínda que, segundo detalla o escrito de acusación ao cal prestou conformidade o acusado, os danos ocasionados polo lume taxáronse na cantidade de 28 euros.