A dinámica laboral no Carballiño: «Asinabamos e seguiamos»

m. v. OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

EUROPA PRESS / R.Veiga.POOL

Moitos dos presuntos contratados a dedo manteñen que pasaron por procesos selectivos

27 novs 2020 . Actualizado ás 10:14 h.

«Indefinido, non?». Esta foi a pregunta, por non dicir aseveración, que con máis frecuencia formulou a representante do ministerio fiscal a dez dos presuntos enchufados do Carballiño, que este xoves compareceron na sala de vistas do xulgado do penal 2 de Ourense, na que se xulga ao exalcalde desa localidade, Pachi Vázquez, e outros catro acusados que tiveron responsabilidades na corporación. E en todos os casos a resposta foi afirmativa porque, un por un, os empregados municipais citados para declarar explicaron que tras uns anos enganchando contratos temporais, acabaron logrando unha relación laboral indefinida no concello, para postos tan diversos como traballadora do servizo de axuda a domicilio, carpinteiro ou policía local.

«Mandábannos firmar e seguíamos traballando», explicou unha testemuña que traballou no servizo de axuda a domicilio. Explicou que a súa vinculación laboral proviña da mancomunidade, aínda que posteriormente pasou a prestar servizos para o concello, facendo sempre o mesmo traballo. Enlazou contratos anuais que se prorrogaban automaticamente, só había que rubricar cando remataba decembro, ata que en 2007 converteuse en traballadora indefinida. «Eu non sei como fixeron» dixo.

Outra das traballadoras cuxo contrato cuestiona a Fiscalía de Ourense, por non seguirse presuntamente na súa tramitación os principios de igualdade, mérito e capacidade que marca a lei, é o dunha muller que traballou como limpadora municipal. Hoxe en día xa está xubilada. «Ofrecéronme o traballo, aceptei e xubileime alí», dixo na sala de vistas, explicando que cando lle ofreceron o traballo ela estaba no paro. Sen lembrar ben as datas, asegurou que «nunca parei de traballar», pero non puido concretar nada de como se concretaron os seus contratos.

Testificaron tamén na terceira sesión do xuízo tres integrantes do persoal da Policía Local. Os tres explicaron que accederon primeiro como auxiliares, tras ter sabido das vacantes por anuncio en prensa ou porque os avisaron. Deron ter pasado por procesos de selección, aínda que máis tarde estabilizaron a súa relación laboral. É dicir, convertéronse en fixos, nalgún caso antes mesmo de superar a oposición e converterse en axentes.

Quedan aínda por declarar moito máis traballadores municipais xa que segundo a acusación pública as irregularidades á hora das contratacións estendéronse a sesenta casos. Todos, salvo motivo xustificado de ausencia ou desestimiento das partes, pasarán nos próximos días polo xulgado, xa que a este xuízo lle quedan por diante aínda dúas semanas. Os acusados, que declararán ao termo da proba testifical, están imputados nun delito de prevaricación continuada polo que a fiscalía pide penas de ata dez anos de inhabilitación.

Maradona, na sala de vistas

A anécdota do día protagonizouna, iso si, un dos avogados defensores, Juan Rego, que abriu a sesión solicitando unha homenaxe «pola morte de Maradona». A súa proposta non obtivo resposta do resto.