A Festa do Pulpo, este ano dentro dos restaurantes

Xiana Fole OURENSE

O Carballiño

A celebración carballiñesa atraeu a miles de persoas o ano pasado.
A celebración carballiñesa atraeu a miles de persoas ou ano pasado. Agostiño Iglesias

Comezan as Xornadas Gastronómicas de O Carballiño

02 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As Xornadas Gastronómicas de O Carballiño terán lugar a semana que mañá comeza, entre os días tres e nove. No canto da célebre Festa do Pulpo -festexo gastronómica multitudinario, declarado de Interés Turístico Nacional-, este ano poderase gozar do mesmo protagonista culinario, o polbo, aínda que dun xeito máis seguro. Serán os locais de hostalería os que ofrezan a opción de degustar polbo á feira durante estas xornadas gastronómicas. Un total de 39 locais do municipio participarán no evento: 24 deles ofrecerán polbo toda a semana e outros 15 farano o sábado e domingo, días oito e nove de agosto. Ademais, o domingo haberá postos de venda de polbo nas rúas de O Carballiño.

Cine, teatro, música e monicreques pagar gozar do verán

Un ano máis, e pese a ser un verán diferente, o polbo e a cultura veñen da man. As Xornadas Gastronómicas estarán acompañadas das actividades do Verán Cultural, entre as que atopamos cine, música e teatro en tódalas súas variantes.

Hoxe ás once da mañá a Praza de Veracruz recibe o espectáculo Peter Punk, Chungo que te cagas, unha obra de clown que ten o humor como fío condutor. Ás sete da tarde será o Mago Teto quen actúe na praza co seu espectáculo Alquimia.

A xornada de mañá, luns, será para os máis pequenos, coa actuación de monicreques O encoro enmeigado nas Fragas do Eume e o concerto infantil A casa do terror, ás once e media da mañá e ás sete da tarde, respectivamente.

O xoves será día de cine na rúa á conta da proxección de Los Miserables, musical baseado na novela de Víctor Hugo e gañador de tres premios Óscar. As proxeccións, que se realizan na Praza Maior de O Carballiño, tiveron amplo protagonismo nesta edición do Verán Cultural, con clásicos como Qué fue de Baby Jane? ou El hombre del brazo de oro, filmes galegos como María Solinha e tamén opcións infantís, como La gallina Turuleca. O xoves 13 de agosto proxectarase El Joker, o filme dirixido por Todd Philips galardoado cun Óscar a mellor película.

Ademais, as actividades culturais pecharanse co XII Festival de Títeres, en colaboración coa Deputación de Ourense, con actuacións diarias entre o 17 e o 21 de agosto ás sete e media da tarde.