Brote en Chandrexa de Queixa con catro viaxeiros chegados de Cataluña e Aragón

La Voz OURENSE

O Carballiño

Vista de Celeiros, núcleo urbano de Chandrexa de Queixa
Vista de Celeiros, núcleo urbano de Chandrexa de Queixa LOLITA VÁZQUEZ

O Carballiño rexistra un brote tras dar positivo dous contactos do turista de República Dominicana

02 ago 2020 . Actualizado ás 18:41 h.

Un novo brote foi detectado este domingo na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Neste caso radicado en Chandrexa de Queixa, onde hai catro persoas en illamento domiciliario tras dar positivo na proba do coronavirus. Trátase dun caso importado, segundo fontes do Sergas, xa que son catro persoas (todos familiares entre si) que chegaran á localidade para pasar unha tempada na vila de Fitoiro, procedentes de Cataluña e Aragón. Activouse xa o protocolo de seguimento aos seus contactos, que deberán estar en corentena durante 14 días.

Coñecido o brote en Chandrexa de Queixa, desde a residencia de maiores decidiron pechar de novo as súas portas ás visitas. Nunha publicación en Facebook, desde o centro explican que os familiares dos residentes non poderán acceder ata novo aviso.

É o segundo brote que se coñece este primeiro domingo de agosto, despois de que dúas das persoas coas que estivo en contacto estes días o turista procedente de Santo Domingo que onte deu positivo en coronavirus, tamén están contaxiadas. Trátase de dúas mulleres da súa contorna. Os tres está en illamento domiciliario no Carballiño, no que se converteu nun brote. Ningún dos tres ten síntomas.

O caso inicial detectouse despois de que o home se inscribise no rexistro obrigatorio imposto pola Xunta para viaxeiros procedentes de 137 países e cinco comunidades autónomas. Ao ver o lugar desde o que chegaba, desde o departamento de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, decidiuse facerlle unha PCR preventiva. E foi así como se coñeceu o positivo onte pola tarde. Activouse entón o protocolo para localizar a todos os seus contactos, aos que se lles ha ir facendo o test. O resto de contactos deron negativo, pero deberán seguir en corentena durante 14 días. Durante ese tempo seguirán sendo monitorizados pola Xunta, para facerlles de novo a PCR no caso de que presenten síntomas.

Desde Sanidade lembran a importancia de seguir o protocolo no rexistro obrigatorio, que permite «actuar preventivamente e actuar precozmente evitando a extensión de contaxios».

 O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, asegura que a información que lle deu a Xunta é que o brote está controlado. Neste sentido hase mostrado tranquilo. «Dinme que non me preocupe en exceso porque está controlado, e así o tomamos, aínda que con cautela», di Fumega. Entende que ao ter sido detectado grazas ao rexistro obrigatorio evitouse que se propagase o virus pola localidade, e atense ao que digan as autoridades sanitarias. O brote detectouse na véspera de que comecen as Xornadas Gastronómicas do Polbo, que este ano substitúen á Festa do Polbo.

Cos dous brotes detectados hoxe, ascenden a catro os actualmente activos na provincia. Días atrás detectáronse dous en Vilar de Barrio e Baños de Molgas. No caso de Vilar de Barrio, o Concello informaba esta mañá de que todos os test PCR realizados onte deron negativo. Todos eles son usuarios do Servizo de Axuda non Fogar no centro urbano, Maus, Vilar de Gomareites e Penouzos. «Seguimos en alerta. Non cometamos erros innecesarios», piden desde o goberno local a través das redes sociais.

No caso dos oito cataláns en corentena que están vinculados co brote de Baños de Molgas e que agora están de volta en Cataluña, xa realizaron as probas PCR. Unha persoa deu positivo en coronavirus, dous son negativos e catro están á espera dos resultados. Ata a provincia viaxou tamén unha nena á que non lle fixeron a proba.