A Fiscalía pide 29 anos de cárcere para un acusado de violar aos seus dous sobriños menores

M. V. OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

MIGUEL VILLAR

Os nenos tiveron que compartir cama co acusado, que tería aproveitado para abusar deles

01 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A fin de semana do 23 e 24 de xuño do 2018, seguramente na crenza de que os deixaba en boas mans, unha nai confiou aos seus dous fillos á bisavoa dos pequenos. Os menores, de 13 e 10 anos, quedaron ao coidado da muller, pero na vivenda, situada nunha aldea próxima ao Carballiño, vivían outras persoas, entre as que se atopaba un tío dos nenos, José Á. G. En apenas uns meses este home terá que sentarse no banco dos acusados da Audiencia provincial de Ourense, acusado de haber agredido sexualmente aos dous menores, a quen en lugar de coidar, tería atacado gravemente.

Así o sostén o fiscal no escrito de acusación por un caso polo que solicita fortes penas de prisión e medidas de afastamento. Segundo a súa versión, chegada a hora de deitarse na vivenda familiar, os nenos compartiron a cama co seu tío, o imputado, nunha dos cuartos da casa. Iso si, nada máis deitarse o acusado tería realizado tocamentos ao maior dos irmáns, quen se apartou dándolle un lapote, para logo intentalo co máis pequeno, ao que tería chegado a violar.

A historia haberíase repetido ao día seguinte, o 24 de xuño, cando o acusado levou ao neno de 10 anos no seu coche co pretexto de ir comprarlle un xeado. No traxecto tería parado o automóbil xunto a un piñeiral e, sempre segundo a versión da fiscalía, habería de novo atacado sexualmente ao pequeno.

Iso si, apenas unhas horas despois, e co regreso da nai, os nenos decidiron contar o que lles ocorreu, o que propiciou que a proxenitora acudise a presentar denuncia. O presunto agresor acabou sendo detido por axentes da Garda Civil á vez que se iniciaba un procedemento xudicial que propiciou que, tras prestar declaración no xulgado do Carballiño, José A. G., fose encarcerado. Nesa situación estivo ata o pasado mes de maio, cando a Audiencia provincial autorizou a súa excarceración ata a celebración do xuízo, que podería celebrarse a finais deste ano ou nos primeiros meses do 2021.

De momento, a fiscalía xa concretou os cargos polos que acusará o sospeitoso. Son dous delitos de agresión sexual e un terceiro de abuso, polos que reclama un total de 29 anos de reclusión nun centro penal. Así mesmo, esta parte sostén que en caso de condena o acusado non poida achegarse ao máis pequeno dos seus sobriños-netos durante 35 anos. En canto ao maior, se se lle considera culpable de ter abusado del, José Á. G. non poderá achegarse ou comunicar co mozo durante dez anos.

Esixe así mesmo a fiscal que polos danos morais que ocasionou ás vítimas, o acusado indemníceas coa cantidade de 40.000 euros. Na vista oral declararán os peritos forenses que os examinaron tras producirse os graves feitos.