Deseño galego no Carballiño

O Carballiño

Agostiño Iglesias

Eladino Cabanelas abre unha tenda de OZOCOgz na rúa Curros Enríquez

21 ene 2020 . Actualizado ás 14:01 h.

Leva xa uns cantos anos Eladino Cabanelas turrando polo seu proxecto de deseño, cultura e defensa da lingua galega. A mítica camisola co zoco como protagonista rematou por dar nome á empresa e dende decembro do pasado ano OZOCOgz encetou unha nova etapa. E a mesma chega da man da primeira tenda física da marca -ubicada no número 29 da rúa Curros Enríquez, no Carballiño-. Primeiro coas súas singulares camisolas, logo cos seus suadoiros, máis tarde coa liña de papelaría e, na última etapa, cos xogos de mesa, a iniciativa de deseño foi sempre incorporando novas propostas. E sempre co compromiso coa defensa e normalización do idioma como bandeira. Sen esquecer nunca, aínda que isto non ten que ver cos produtos á venda, o seu concurso de micro-relatos. Ademais de contar coa primeira tenda física de OZOCOgz, sen deixar o traballo na rede, Eladino Cabanelas incorporou unha agardada novidade á súa carteira de produtos: a versión infantil do seu exitoso xogo de mesa «Ti non es de aquí?». A versión xúnior conta con preguntas á medida dos máis pequenos da casa e, de seguro, que rematará por medirse co xogo para adultos -o éxito do mesmo superou as expectativas e xa vai pola terceira edición-. No 2020, como cando comezou no 2012, Eladino Cabanelas segue coa súa aposta polo deseño e co seu compromiso co galego.