Renfe deixa de vender billetes en Ribadavia e O Carballiño o día 31

La Voz OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

MIGUEL VILLAR

A Xunta de Galicia trasladou o seu rexeitamento a esta medida e pide á operadora que reformule a súa decisión

28 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A cabeceiras de comarca do occidente ourensán veñen situando desde hai anos contra o continuo recorte de servizos e prestacións nas estacións de tren do Carballiño e Ribadavia. Menos paradas e servizos que suscitaron posicionamentos políticos, que de pouco serviron, e mobilizacións nas últimas semanas no caso carballiñés. Na vila celebrouse a última asemblea sobre a problemática do transporte o pasado día 15.

E co 2020 chegará un novo recorte: Renfe deixará de vender billetes nas estacións de tren do Carballiño e Ribadavia. Así o confirmou a Xunta de Galicia, ao sinalar que a operadora comunicou que a partir dese día non poder adquirir billetes nas estacións citadas e nas de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, Guillarei e Redondela.

Desde o Goberno galego trasladouse a Renfe, a través da dirección xeral de Mobilidade, un escrito solicitando que se reformule «o peche anunciado para o vindeiro día 31». Ademais de incidir na «oposición frontal ao peche da venta presencial de billetes nas estacións de ferrocarril da comunidade autónoma», desde a Xunta deféndese «a necesidade de primar a atención de proximidade aos viaxeiros do rural fronte aos meros criterios económicos, máxime sendo un servizo público esencial».

Mobilidade empraza a Renfe a que tome en consideración a súa demanda, como xa se fixo hai dous anos, cando se anulou a decisión de pechar este servizo en varias estacións galegas.