«Unha vez que entran na túa igrexa estás un pouco inseguro e pensas que poderían volver»

La Voz

O Carballiño

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai un ano que se ordenou sacerdote e tres meses desde que se fixo cargo das parroquias de Pazos de Arenteiro, Alvarellos, Laxas e Salón (na comarca do Carballiño). Carlos Arce Castro tivo que vivir o roubo máis cuantioso deste ano en igrexas ourensás. Sucedeu fai un mes e medio na de Pazos de Arenteiro e o ladrón levou 700 euros da colecta e cinco medallas de ouro que os veciños colocaran sobre varias tallas. «Tiñamos o diñeiro gardado na sancristía e creemos que a persoa que entrou sabíao porque foi directamente e non colleu as esmolas dos petos».

O caso está en mans da Garda Civil porque, ademais, non se forzou a porta de entrada, aínda que unha lateral se atopou aberta. Á marxe do roubo en si, Carlos Arce sinala que este feito, sucedido nada máis chegou á parroquia, xa condicionou a forma de atender ás igrexas. «Agora cada dous días achégase o sancristán para ver se todo está en orde. Unha vez entran na túa igrexa estás un pouco inseguro e pensas que poderían volver». Aínda que a de Pazos de Arenteiro está no mesmo centro da localidade, as outras tres atópanse en núcleos pouco poboados. «Ao final non hai nada dentro de valor, todo o retiramos, pero aos ladróns dálles igual entran para ver que poden levar», di.

Sinala, ademais, que tras o suceso en Pazos de Arenteiro, algúns veciños comentáronlle que viñan repetindo na zona e que mesmo hai unhas semanas ocorreu algo similar nun tempo do Irixo. «O que máis me doeu foi o roubo das cadeas de ouro xa que tiñan un valor sentimental para aqueles que as puxeron. Para min foi un pau duro, menos mal que non houbo profanación de imaxes ou máis desfeitas», sinala.