O Carballiño abre o prazo para pedir a instalación de terrazas na rúa

La Voz OURENSE

O Carballiño

cedida

Os hostaleiros poderán solicitalas a partir do luns

01 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O domingo ábrese o prazo para que os hostaleiros do Carballiño poidan solicitar licenza para a instalación de terrazas na vía pública durante 2020. E aínda que o prazo oficial se abre o día 1, non será ata o luns que poidan tramitarse as solicitudes.

Os modelos de solicitude para instalar mesas, cadeiras, tarimas e outros elementos análogos pódense recoller no departamento de Servizos Públicos, no Rexistro Xeral do Concello, ou descargarse a través da web municipal www.carballino.gal, dentro do portal de transparencia. A documentación deberá presentarse despois no Rexistro Xeral; tendo como prazo ata o 20 de decembro.

No Carballiño hai ao redor de 100 locais de hostalería, dos cales o 60 % só poñen terraza durante a primavera e o verán (eles terán outro prazo de solicitude de licenza máis adiante); mentres que o 40 % colócaa durante todo o ano. Durante a tempada estacional no Carballiño hai máis de 350 mesas colocadas na rúa.