O Arousa viaxa ao Carballiño máis preocupado do campo ca do rival

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O Carballiño

Agostiño Iglesias

Rafa Sáez preparou un partido de fútbol directo prevendo o mal estado do terreo de xogo do Espiñedo polas choivas. Pacheco e Róber son baixa

17 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«O condicionante principal non vai ser o que nos expoña o rival. Vai ser o terreo de xogo en malas condicións». Sen desmerecer as calidades do Arenteiro, o adestrador do Arousa, Rafa Sáez, analizou o compromiso do seu equipo esta tarde (17 horas) na decimoterceira xornada de Liga antepoñendo o peso do escenario da batalla á estratexia e ao arsenal inimigo. Algo lóxico cando falamos dun equipo como o arlequinado que fai do control e da circulación do esférico a base do seu argumentario balompédico, que tan bos resultados lle está a dar neste primeiro terzo de campionato.

Sabe o Arousa xa o que é ter que moverse nun campo en mal estado. Pero, subliña Rafa Sáez, «este partido non ten nada que ver co de Redondela. Alí o campo estaba mal, pero non foi un partido físico. No Carballiño, se o campo está mal, vaise enlamar, e vai condicionar o aspecto técnico. Non vai permitir enlazar pases, nin que o balón rode. Vai facer que os xogadores teñan un desgaste moi grande». E inda sen mencionalo explicitamente, supón un elevado risco para a integridade física dos futbolistas: «Nun partido destas características o que máis me preocupa é que haxa cousas que se escapen ao control do adestrador e dos xogadores. O que tes interiorizado, como mecanismos de pase, mecanismos de salto, mecanismos de arrancada, mecanismos de anticipación... Nas accións técnicas, aínda sabendo que o campo está mal, cústache adaptarche».

Ante este punto de partida, o adestrador pontevedrés afirma que «vamos preparados» cun «plan B». «Durante a semana previmos que non poidamos REVISAR elaborar tanto o xogo, e xogar máis sobre homes adiantados». Isto é, practicar un fútbol directo. A única maneira sobre o papel de sacar rédito no desprazamento de hoxe se, como temen no Arousa, o campo do Espiñedo está tan brando como de costume neste tipo de períodos de choiva, ameazando con enlamarse en pouco tempo. «Trataremos de adiantarnos ás circunstancias o mellor posible, e que as circunstancias non se nos adianten a nós», di o técnico.

A Rafa Sáez tócalle facelo sen o concurso de Pacheco nin de Róber. O primeiro, baixa por enfermidade, o segundo, reservado por precaución por problemas musculares.

Pese a facer fincapé no escenario de xogo, Rafa Sáez deixa claro o seu máximo respecto por un rival que figura decimocuarto na clasificación a 9 puntos do Arousa, pero que dispón dun cadro de xogadores confeccionado para pelexar polos postos nobres da clasificación. Un equipo que, ademais, conta con «a presión da bancada -uns 1.000 seareiros- que o fai máis forte en casa», di o técnico arlequinado, que salienta ademais a capacidade do Arenteiro para facer unha proposta de peso co balón no pé.

O encontro co Alondras do vindeiro domingo xogaráse no Salvador Otero

Nin o campo de Baltar, en Portonovo. Nin o de Cordeiro en Valga. Tampouco o de Vilaxoán. O Arousa recibirá o Alondras o vindeiro domingo, día 24, no Salvador Otero da Illa. O Céltiga, inquilino do terreo de xogo, contestou a primeira hora da tarde de onte afirmativamente á petición do presidente arlequinado, Manolo Abalo, de disputar na instalación insular o encontro correspondente á decimocuarta xornada da Liga de Terceira. Un choque que o Arousa non pode xogar na Lomba debido ás obras de reforma integral da cuberta da grada de preferencia.

A primeira opción barallada polo club vilagarcián era terse medido ao Alondras en Baltar. Pero o Portonovo, que xa dera o o.k., comunicoulle a comezos desta semana que non ía poder ser, xa que as fortes e persistentes choivas destas semanas obrigaban o seu propio equipo a cambiarse hoxe para o sintético de Baltar de Arriba ante o delicado estado do seu campo de herba natural.

O voceiro da directiva do Céltiga, Álex Zels, recoñece que o ideal sería deixar descansar o céspede do Salvador Otero, no que hoxe o seu conxunto de Preferente recibe o Cultural Areas. Mais, di Zels: «Se hai que botar unha man, bótase. Hoxe por ti, mañá por min». Unha mostra de solidariedade que chega ata o último extremo: «Prepararémoslle o campo ao Arousa coma se fose para nós».

Amarrado o Salvador Otero, o Arousa aforraráse o coste dos autobuses que ía ter que poñer a disposición dos seus socios e seareiros de xogar en Baltar.