Coñeces ao millonario do Carballiño?

La Voz OURENSE

O Carballiño

Miguel Villar

Un bar da localidade entregou a noite do martes o premio do Millón de Euromillones

16 oct 2019 . Actualizado ás 18:48 h.

No Carballiño repartiuse a noite do martes un millón de euros. No coñecido bar Lérida un afortunado selou o Millón de Euromillones de Loterías do Estado. Un único boleto acertante desta categoría que, segundo os propietarios do establecemento, permanece no anonimato, aínda que se trata dun bar ao que acoden, normalmente, veciños do municipio, sendo un dos que máis movemento ten no selado de boletos no Carballiño. Ademais, atópase preto dun centro educativo. O Millón é un xogo asociado ao Euromillones, onde se sortea un millón de euros entre os boletos participantes. Polo que non fai falta nin sequera acertar os números do sorteo. Consiste na asignación dun código a cada unha das apostas realizadas do Euromillones. A noticia correu como a pólvora na vila do Arenteiro que, ademais, celebraba o seu día de feira. Pasada por auga, iso si. Con todo, e aínda que houbo especulacións, non apareceu o acertante. Si, foron moitos os clientes do bar que se achegaron para comprobar que a noticia era verdade e se o seu boleto era o afortunado.

Non é a primeira vez neste ano que un establecemento ourensán recibe o premio do Millón. O anterior foi no bar de Palmés que o repartiu no mes de xuño. Aquel millonario tamén quedou no anonimato.