Ourense ten o dobre de cans rexistrados que menores de 16 anos

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

Santi M. Amil

Tras a capital, os veciños dos concellos de Verín, Xinzo, O Carballiño, Pereiro de Aguiar e O Barco de Valdeorras son os que máis mascotas adoptan

21 dic 2018 . Actualizado ás 15:23 h.

A finais do pasado outubro había censados na provincia de Ourense 72.120 cans, segundo o Rexistro Galego de Animais de Compaña. Moito maior é o número total se se ten en conta que existe unha gran cantidade de canes que aínda non contan co microchip correspondente. Trátase dunha cifra considerable que vai en aumento, xa que na mesma data do 2017 o número de cans con chip era 61.372. Dez mil novos rexistros en só un ano, segundo os datos da Xunta. Trátase dunha cifra importante, sobre todo se se ten en conta que estes animais teñen unha media de vida de 12 anos. É curioso, ademais, que o número destas mascotas -as que están rexistradas- sexa visiblemente superior ao de ourensáns menores de 16 anos en toda a provincia. 72.120 cans por 32.860 nenos, novos e adolescentes. Cifras que non só dan conta do aumento na adopción de animais, senón tamén do descenso considerable da poboación ourensá e o seu envellecemento.

A capital é o lugar con maior número de canes con chip. Son 14.015 fronte aos 12.306 do 2017. E, seguindo a tónica provincial, son máis que menores de 16 anos. Na cidade hai cinco caniles, baixo a ponte romana en Salesianos, no parque de Santa Teresita, no do Peco na rúa Xosé Luis López Cid, en Canella de Abaixo (ao lado do Sexto Instituto) e na praza da Lexión. Tendo en conta o número total de cans censados na cidade, toca a 2.800 cans por cada parque canino. Cabe destacar que ante a cantidade de animais, o Concello de Ourense chegou a anunciar, hai case dous anos, a creación dun total de 16 caniles novos para afrontar a demanda. Mentres tanto, é doado velos no resto de parques ou en parcelas non urbanizadas en diferentes barrios da cidade.

Tras a capital ourensá, en canto a número de canes, atópase o concello do Carballiño cun total de 3.091 cans con microchip, 400 máis que hai un ano. E case o dobre que habitantes menores de 16 anos. Séguelle Verín con 2.734, Xinzo con 2.559, O Barco de Valdeorras con 2349 e Pereiro de Aguiar con 2.231 cans. Curiosa esta última cifra nun concello con 6.228 veciños. En todos estes casos o número aumentou considerablemente no último ano, debido tanto a campañas de concienciación dirixidas aos donos dos animais para que os teñan rexistrados, como ao aumento de multas en casos de infraccións como, por exemplo, defecar na vía pública. Hai que ter en conta que hai exactamente un ano, o Concello do Barco recolleu na nova ordenanza sobre a tenencia de cans a obrigatoriedade de censalos (coma se fosen unha persoa) e de que os propietarios achegasen unha copia do ADN do animal. A razón non era outra que atallar, tras varias medidas de concienciación que non deron os seus froitos, a presenza de excrementos de animais nas rúas. Ao final, non puido aplicarse. No posto contrario de cans inscritos no Rexistro Galego de Animais de Compaña na provincia de Ourense atópanse A Teixeira con 65, Pontedeva con 69, Beade con 89 e A Arnoia con 147.