Tormenta de verán

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez O ÁBACO

O Carballiño

29 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A natureza volveunos a mostrar o seu poderío, coa tormenta de saraiba que descargou o domingo sobre unha parte da provincia. Ata o deporte rei, aínda que sexa na versión máis humilde deTercera división, tívose que render ante a potencia meteorolóxica. Augoulles a festa do retorno á categoría aos afeccionados do Arenteiro, ilusionados por vivir o seu primeiro partido en Terceira despois de 23 anos, e amargoulle o desprazamento ao persoal do Centro de Deportes Barco, que terá que repetir viaxe á outra punta da provincia para xogar só vinte minutos. Machucouse o campo de Espiñedo e moitos coches tamén sufriron danos de chapa pola pedra caída no Carballiño. Cada un pensou no seu, pero case todos lembraron, ao ver a que caía, o dano que podería causar nas viñas ourensás que estaban comezando a vendima. Miúdo aniño este, coas xeadas de abril e a saraiba de agosto. Onte volveu recomendar a conselleira de Medio Rural que os agricultores contraten seguros que lles cubran este tipo de sinistros. Parece que a administración segue sen ter claro se lle toca indemnizar ao sector. É a tendencia nos que nos rexen. Do Estado social e democrático de dereito que proclama a Constitución, o de social hai tempo que se esfumó. Que os agricultores aseguren os seus cultivos, ¡coma se os seguros cubrisen todas as inclemencias e pagasen indemnizacións que compensasen! Iso para ese sector. Para todos os demais, xa nos podemos ir preparando tamén. Vaiamos facendo plans de pensións privados non? que as públicas serán escasas.