O Concello do Barco chama aos escolares para rexeitar a violencia de xénero
O BARCO DE VALDEORRAS
Teatro, cine e unha concentración centran o programa do 25N
19 nov 2024 . Actualizado á 14:28 h.Un ano máis o Concello do Barco de Valdeorras reunirá os escolares para mostrar a súa repulsa á violencia de xénero con motivo do 25N. O luns, ás doce, á porta do consistorio está convocada unha concentración e colocaranse faroliños morados en memoria das mulleres asasinadas e alumnos dos tres institutos lerán un manifesto. Ás 20.30 horas no cine proxectarase «Nevenka».
Pero non será a única actividade. Este venres ás 21.00 horas, Antagonista Teatro representa Insubmisa no Loureiro Olmo. O mércores 27, en colaboración co cineclub Groucho Marx proxectarase a película Só para min (17.00 e 20.00 horas). Ademais, o Concello enviou cartas a entidades, asociacións e colectivos económicos, laborais, sindicais, educativos, deportivos e culturais para implicar a toda a comunidade na loita contra a violencia de xénero. Búscase unha resposta colectiva de rexeitamento permanente a esta secuela social e aos feminicidios. Así mesmo, invítase os comercios e establecementos do Barco a sumarse a esta causa vestindo de negro e colocando carteis de repulsa nos seus escaparates do 25 ao 30 de novembro.