Valdeorras nomea a Lucas Mondelo embaixador do seu viño

María Cobas Vázquez
maría cobas O Barco / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

José Luis García Pando y Lucas Mondelo, brindando con una copa de Valdeorras
José Luis García Pando e Lucas Mondelo, brindando cunha copa de Valdeorras LOLITA VAZQUEZ

O adestrador de baloncesto visitou o consello regulador

06 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai algo máis dun ano, o consello regulador da denominación de orixe Valdeorras puxo a vista sobre Lucas Mondelo, o seleccionador nacional de baloncesto feminino. Nacido en Cataluña, Mondelo mantén unha gran vinculación co Barco, a terra de toda a súa familia e na que agora residen os seus pais. Así que vén con frecuencia. Onte, chegado tras gañar a liga xaponesa e antes de regresar ao país nipón, o baloncestista fixo parada na sede do consello, en Vilamartín de Valdeorras para coñecer un pouco máis dos viños da zona e ser nomeado embaixador honorífico.

«Queremos agradecer a súa predisposición para divulgar Valdeorras», dixo o presidente do organismo vitícola, José Luis García Pando. «Sabendo que sempre presumas de valdeorrés, para nós é un orgullo nomearte embaixador dos nosos viños», engadiu. Citou entón a repercusión que o nomeamento poida ter para os viños amparados pola denominación de orixe. Ademais, ambos se emprazaron para (unha vez que pase a pandemia do coronavirus), Mondelo poida volver e gozar dunha cata na que coñecer, un a un, todos os viños da comarca.

«É unha honra», dixo Mondelo, en referencia a converterse en embaixador da terra onde están as súas raíces. Falou entón de que fará todo o que poida «desde a miña humilde posición» para axudar ao coñecemento do viño de Valdeorras en particular, e da comarca en xeral. Non o terá difícil, dixo.

«A calidade do godello é de nivel mundial»

«Os viños son buenísimos todos. O mencía é máis fresco, para tapear; e a calidade do godello é dun nivel mundial», engadiu. Recoñeceu o adestrador de baloncesto que introducir o viño na cultura xaponesa non é doado, porque aínda que hai viños italianos, franceses e españois, -«carísimos», sinalou-; o certo é que os cidadáns con moi tradicionais e prefiren, por norma, as súas bebidas.