«Non me imaxinaba que a miña novela iría aparecer nunha realidade como esta»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

CEDIDA

«Gotas de esperanza» é o segundo libro do policía e escritor monfortino Fernando Hernández, publicado ao mesmo tempo que se declaraba a alarma sanitaria

15 jul 2020 . Actualizado ás 19:32 h.

O mesmo día que se declarou o estado de alarma sanitaria, o pasado 14 de marzo, o monfortino Fernando Hernández González -que traballa como policía local no Barco de Valdeorras- tivo por primeira vez nas súas mans o primeiro exemplar da súa segunda novela, Gotas de esperanza. A primeira, Xoguetes do descoñecido, apareceu no 2015. «Rematei de escribila hai un ano e medio, e non podía imaxinar que a miña novela, unha obra de ficción, iría aparecer no medio dunha realidade como esta, unha situación na que a que a realidade se nos partiu por completo», di. Ao traballar nun servizo considerado esencial, mantívose desde entón en activo.

-Non tratará de pandemias a súa nova novela?

-Non, é unha historia que sucede na época actual, pero non fala de pandemias, aínda que si toca algúns asuntos que están tamén moi de actualidade, como se está vendo agora mesma coa crise sanitaria. Refírome a este ambiente de crispación política e social, e á falta de apego e valoración que ten hoxe a xente cara aos líderes políticos. Este aspecto non é unha parte esencial da novela, non é a vía principal pola que discorre a historia, pero si se toca esta cuestión.

-Ten algunha relación coa súa primeira obra?

-Na primeira novela hai unha mención a algunhas cousas que suceden na segunda, pero a relación non vai máis aló diso. En Gotas de esperanza aparece un grupo de activistas, liderados por unha muller chamada Marga Botana, que intenta promover unha revolución ou un cambio social a través das redes dixitais. En Xoguetes do descoñecido hai unha pequena referencia a esta historia.

-Que máis pode contar do argumento sen destriparlo?

-A novela conta a historia deste grupo, que é en principio pacífico, pero moi activo nas redes, e resulta molesto para certos poderes. O intento de cambio social deste movemento provoca represalias e ten tamén outras consecuencias.

-Os seus libros parecen inscribirse no xénero negro ou policial. Cales son os seus referentes neste terreo?

-Non podo dicir que sexan referentes, pero supoño que intento facer algo semellante aos libros que máis me interesan como lector, que poden ser os de Arturo Pérez Reverte, Frederick Forsyth, Ken Follett, Stieg Larrson... Ou tamén os de Julia Navarro, que ten unhas novelas moi interesantes.

-A novela aparece nun momento no que non é doado promover libros en actos públicos.

-Pois non, por agora non vai se é posible organizar presentacións nas librerías e noutros sitios. Gustaríame atoparme pronto en persoa cos lectores para agradecerlles o seu interese e asinarlles os exemplares, pero iso haberá que deixalo para máis adiante. De momento estouno promovendo en Internet cun blogue e unha conta de Facebook dedicada á novela. Tamén o estou movendo polas librerías de Monforte e O Barco, e agardo distribuílo deica pouco por Lugo, Ourense e outros lugares.