Viño e matanza: Festa do Botelo

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz O Barco

O Barco de Valdeorras

O Barco celebrou a edición número vinte da cita gastronómica con preto de 1.500 comensais

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Acertou o Concello do Barco de Valdeorras ao outorgar a mención especial da festa a Honorato López Illa que, aínda que non é oriúndo desas terras —é do Bolo—, ten importantes e numerosas experiencias nesta vila referente da súa infancia e mocidade. López Illa é un dos fundadores da adega Godeval, impulsora do godello de Valdeorras. O viño e a matanza son acenos de identidade dos veciños do Barco. Que sería da Festa do Botelo sen un bo godello ou mencía? Todo xunto o gozaron ao redor de 1.500 persoas que abarrotaron o pavillón de Calabagueiros. Fixérono en familia, con amigos e compañeiros de traballo. Nenos, novos, pais e avós rendéronse ao prato estrela da localidade: o botelo. Comezou a festa gastronómica a ritmo de desfile. Os camareiros foron pisando a alfombra negra en fila, mirando á fronte, con seriedade e gardando o equilibro, pero non con tacóns, senón con bandexas repletas sobre as súas mans. Botelo, patacas e repolo. E había ganas. Tantas, que a súa aparición no pavillón espertou os aplausos dos comensais que agardaban que a verdadeira festa dese comezo, Entre brinde e música seguiu a celebración que non se augou nin sequera pola tromba de auga que no exterior de Calabagueiros comezou a caer a media tarde. E para finalizar unha pantagruélica xornada, os cantos de taberna chegaron aos locais do Barco.

Minutos antes da comida popular, o Teatro Lauro Olmo foi o escenario da parte máis seria da festa: os discursos. Aínda que non faltou o humor, sobre todo do pregoeiro que soubo meterse ao público no peto. O actor e monologuista vigués Avelino González, cunha copa de godello na man, lembrou as súas viaxes anteriores a terras valdeorresas, con pulla incluída ao estado da N-120. Tamén fixo referencia a personaxes dabondo coñecidos na vila valdeorresa, ambos os pertencentes aos corpos e forzas de seguridade do estado. Pero Avelino González falou do orgullo de pertencer a Valdeorras, lembrando aos veciños que nestas terras hai moito do que presumir e moito do que aprender.

Honorato López Illa: «Suxiro ao consello regulador da denominación de orixe que cre a marca godello de Valdeorras»

Honorato López Illa recibiu agradecido a mención de honra da vinte edición da Festa do Botelo. Foi máximo dirixente de Unión Fenosa, compaña que abandonou no 2009 para saltar a R. Fundou máis tarde outra dedicada á enerxía eólica, comprou Cedie e lanzou Xagoaza Investimentos para apoiar proxectos en Valdeorras. Actualmente mantén Godeval, a adega que axudou a crear fai xa máis de tres décadas para relanzar o godello. E diso falou, do viño da comarca. «Eu non sei nada de viño, teño un olfacto moi malo», dixo entre risos. Enseguida apostilou: «Pero si da ilusión dos que apoiaron este proxecto e dos que empezamos coa nosa adega hai xa 34 anos, pero tamén de todos aqueles que despois seguiron este ronsel, adegas que empezaron a apostar por un posicionamento nun mercado moi difícil». López Illa sinalou que actualmente o godello está situado nos primeiros postos a nivel mundial. Neste sentido, quixo facer unha reflexión sobre o futuro do godello de Valdeorras. Explico que con moito esforzo de todos se situou ao godello no máis alto dos viños brancos. «Que esta pasando agora?, preguntou: «Todo o mundo quere ter godello, pero como este val é pequeno e aínda temos moita terra que non se cultiva, godello de Valdeorras hai pouco. E moitos queren comprar uva e esa febre non é boa para manter o pulso. O malo non é iso. é que se están plantando centos de hectáreas de godello fóra. Ese non é o noso, o noso é mellor, pero vainos afectar. Por iso suxiro ao consello regulador que cre a marca godello de Valdeorras».

Sobre o premio sinalou: «Satisfaime moitísimo. Recordo agora a vendima e a matanza, dúas festas moi importantes que servían para encher a despensa da familia. E eran unhas verdadeiras festas».