A Xunta baixa os impostos para comprar casa en 895 parroquias

María Cobas Vázquez
maría cobas O Barco

O Barco de Valdeorras

LOLITA VAZQUEZ

A taxa descende un 2 % para adquirir a primeira vivenda e un 4 % para as demais

01 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Comprar casa en 895 parroquias da provincia de Ourense será máis barato a partir do próximo ano. O será pola entrada en vigor da nova rebaixa fiscal impulsada pola Xunta para a compra de vivenda nas cualificadas como Zonas Pouco Poboadas (ZPP), «aquelas nas que é máis necesario recuperar poboación co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas», explican desde a Consellería de Facenda.

Para declarar unha parroquia como ZPP, tómanse como referencia os datos do Instituto Galego de Estatística, que cualifican as parroquias segundo o seu grao de urbanización, seguindo os criterios que empregan organismos internacionais como Eurostat. E cales son as ZPP en Ourense? Pois basicamente todo o territorio salvo as zonas máis céntricas da capital e dos concellos máis poboados, como O Barco de Valdeorras, O Carballiño ou Verín. Pero mesmo nestes concellos é posible gozar da rebaixa de impostos optando por buscar casa un pouco nos arredores.

A entrada en vigor do novo Imposto sobre Transmisións Patrimoniais -incluído na Lei de Orzamentos para 2020- reducirá do 7 ao 5 % sobre o prezo da venda o que hai que abonar en impostos no caso de compra de vivenda habitual; e baixará do 10 % ao 6 % para o resto de adquisicións (como poden ser segundas residencias ou investimentos para alugueiro).

«Moita xente estase cansando de vivir en pisos e busca casa no rural»

A axente inmobiliaria do Barco de Valdeorras María Iglesias asegura que a tendencia actual no mercado da vivenda é que os posibles compradores foxen do centro urbano para apostar polos pobos próximos. A razón está, segundo conta, en que a xente quere casa con terreo, e iso no centro urbano do Barco (por exemplo) é máis difícil. Hai vivendas unifamiliares no mercado, pero sen leira. «E a xente di que para iso queda no seu piso», asegura Iglesias . Moitos lle din que se cansaron de ter veciños, e outros planean mudarse porque «cada vez máis xente ten can, e queren terreo para poder telo». É por iso que nas vivendas soas, «hai que baixar o prezo; é o que estou a falar con todos os meus clientes porque, se non, non se venden».

Tamén hai quen ten terreo, pero atópase con que non é urbanizable, polo que ten que seguir buscando. «Para casas con leira teño ata lista de espera», asegura. Moitas veces o que hai non se adapta ao que o comprador busca, en moitas ocasións porque o propio vendedor non axuda. «Hai que despersonalizar as casas para vendelas, quitar sobre todo fotos; e tratar de que o comprador vexa a casa como súa e non como a vivenda do vendedor», explica Mar Rodríguez, home staging que colabora con Iglesias para facer eses lavados de cara (ou mesmo reformas) para que os inmobles en venda resulten máis atractivos no mercado.

Sobre as axudas, Iglesias di que todo é ben recibido. «É bo que a xente o saiba, porque hai unha demanda moi grande no rural», apunta.

Na provincia, hai catro zonas densamente poboadas e 18 intermedias

A rebaixa afecta as Zonas Pouco Poboadas, 895 parroquias, pero hai ademais 4 definidas como Zonas Densamente Poboadas (ZDP) e 18 consideradas Zona Intermedia (ZIP). Comprar vivenda nalgunha destas 22, non terá desconto.

Que son as ZDP? Pois segundo a definición do Instituto Galego de Estatística, trátase de «un conxunto contiguo de área locais de densidade superior a 500 habitantes por quilómetro cadrado e unha poboación total para a zona de máis de 50.000 habitantes». E estas son a parroquia de Ourense, a da Milagrosa en Montealegre e a de San Xosé en Vista Fermosa, as tres na capital; así como a de San Bernabé na Valenzá (Barbadás).

As Zonas Intermedias son aquel conxunto de áreas que non pertencen a unha zona densamente poboada e onde cada unha delas conta cunha densidade superior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. Nesta categoría están Piñor e o centro urbano de Barbadás; O Castro, Viloira e o centro no Barco de Valdeorras; Arcos, Mesego, Ponche Veiga e o núcleo urbano no Carballiño; Santa Mariña en Xinzo; Cudeiro, Rairo e Seixalbo no Concello de Ourense; o centro urbano de San Cibrao das Viñas; e Ábedes, Pazos, A Rasela, así como a zona urbana incluída en Santa María A Maior en Verín.