Un libro ilustrado que repasa toda a historia de Valdeorras

María Doallo Freire
maría doallo O Barco

O Barco de Valdeorras

Palma Roca

A publicación fai un percorrido desde o Paleolítico ata hoxe

06 jun 2019 . Actualizado ás 21:39 h.

O Concello do Barco, xunto ao da Rúa e co apoio da Deputación de Ourense, acaba de publicar un libro infantil no que repasa toda a historia de Valdeorras. Trátase dunha edición ilustrada por Patricia Fernández e Juan José Albares, no que profesores e historiadores da comarca como Antonio Castro, Pablo Fernánde, Alfredo Guitián e David D. Vázquez, realizan un repaso de todo o acontecido no territorio valdeorrés, desde o Paleolítico ata hoxe en día.

«Valdeorras. Ou noso tesouro» inclúe aspectos xeográficos, artísticos e patrimoniais de toda a comarca. Rubiá, Larouco, Petín, Vilamartín, Carballeda, O Bolo, A Veiga, A Rúa e O Barco. Os ríos, os costumes, as festas máis tradicionais, a vida no campo, as personalidades con maior recoñecemento ao longo dos anos e ata os deportes con maior representación en Valdeorras. De todo iso fálase no libro, cunha linguaxe sinxela e cargado de debuxos que representan cada un dos temas a tratar. A publicación pretende servir como pequena enciclopedia para todos os nenos da comarca. «O obxectivo é o de divulgar a nosa historia e ser capaces de transmitirlla aos rapaces dun xeito que lles entreteña e lles enganche á vez que aprenden», explica Aurentino Alonso, concelleiro de Deportes e Xuventude barquense e autor da idea do libro. Polo momento, desde o Concello xa entregaron exemplares a todos os alumnos de 6º de Primaria e de 1º da ESO dos centros educativos do Barco, así como ao profesorado, coa idea de que poidan traballar con el en clase. Tamén está previsto que reciban un exemplar as bibliotecas da zona, para que, deste xeito, quede ao alcance dos demais veciños e nenos do municipio. «É unha radiografía muy completa da nosa terra e espero que aos nenos lles encante», engade Alonso.