«Antes non me atrevía a pór bikini; agora quero desfilar en roupa interior»

María Cobas Vázquez
maría cobas O Barco / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

LOLITA VAZQUEZ

A moza valdeorresa Laura Fidalgo do Pont representa á provincia nun concurso de beleza Miss Curvys

20 novs 2018 . Actualizado ás 18:29 h.

Desde pequena foi unha nena gordita, como ela mesma se define, e os complexos acompañárona a medida que se foi facendo maior ata que en plena adolescencia decidiu sacudirse as bobadas e comezar a quererse a si mesma. Gústase e non o oculta, aínda que haxa quen apele aos quilos de máis, que para ela que non son tal. «Non é que me sobren quilos, é que cada un é como hai e ten que quererse así», responde . Non o di con resignación, senón con convencemento. E foi precisamente esa seguridade en si mesma a que fixo que un día, mentres estaba a tomar café cun amigo, a propietaria dunha tenda de moda curvy achegásese a ela para pedirlle se quería posar con roupa do seu establecemento. Foi así como Laura Fidalgo do Pont (O Barco de Valdeorras, 1999) convertíase en imaxe do Prenda, atrevéndose a posar mesmo en bañador en plena praza Andrés de Prada da capital valdeorresa.

Comezou así unha vinculación co mundo da moda que o venres podería dar un gran salto na súa carreira. Fidalgo é unha das 24 candidatas que aspiran a facerse co título de Miss Curvys Internacional en España. Chega á gala que se celebra en Fuenlabrada (Madrid) tras ser coroada Miss Curvys Ourense o pasado setembro.

Terá que desfilar en catro ocasiones. En dous dos pases a roupa elíxena os patrocinadores, nun terceiro sairá co traxe rexional e no cuarto poderalla ver vestida de gala cun vestido longo negro e violeta. Chegará ao desfile final tranquila, como di que está sempre, aínda que recoñece que nos últimos días han empezado a aflorar os nervios. «É unha gran responsabilidade representar á túa provincia», explica. Di que aínda o será máis se gaña o título de Miss Curvys España, posto que a levará á gala internacional que se celebrará en República Dominicana en maio. De momento só se expón gozar da final en Madrid. «Creo que todas buscamos a experiencia e reivindicar as curvas, non imos pelexarnos as unhas coas outras. O que importa é gañar amizades e confianza nun mesmo», asegura.

Non se pon metas, talvez haxa algún observador no concurso, pero tampouco quere despegar os pés do chan. «Este é un mundo moi complicado, porque somos moitas; somos menos que as modelos de tallas máis pequenas, pero somos moitas; e non é a mesma aceptación a da talla normal que a da talla curvy», destaca; e iso que a sociedade en xeral é máis curvy que 90-60-90.

O de ensaiar como moverse sobre a pasarela non lle quita demasiado tempo, porque non o ten, explica. Compaxina as prácticas do ciclo medio de Confección e Moda que estuda na Coruña con sacarse o Bacharelato, que deixara á metade, na modalidade de adultos.

Se gana se irá a República Dominicana e pouco máis sabe. O premio desta edición é unha sorpresa que aínda está sen desvelar, pero dixéronlle que en anos anteriores foi unha viaxe e un desfile de moda flamenca. Para ela ese pase sería o seu gran premio. «Desfilando de flamenca sería feliz, encántame. Aínda que non teño raíces alí, a toda a miña familia nos gusta moito o sur e eu vivo moito Andalucía», explica. «Tamén me gustaría moito desfilar en roupa interior», di. E despois reivindica o seu cambio: «Hai uns anos non me atrevía nin a pórme en bikini; e agora encantaríame desfilar en roupa interior. Véxome capaz e gustaríame facelo», asegura.

Máis roupa para todas

Laura Fidalgo recoñece que cada vez hai máis roupa de tallas grandes, pero segue sendo insuficiente. «Normalmente ou é moi cara ou moi sobria, todo como moi escuro. Se eu quero pórme un top de abelorios, non teño as mesmas posibilidades de atopalo que unha moza da talla 36», sinala. Cre que falta moito por facer. «Debería ir a unha tenda e ver unha cousa e saber que vai haber a miña talla; non ter que ir a unha tenda, entrar na sección de tallas grandes e aí buscar o que me guste, porque adoita haber moi pouca variedade», denuncia.

Por iso, cando ela deseña (que tamén fai os seus primeiros pasos) faino pensando en mulleres con curvas, que se gustan e están libres de complexos. Como ela.