O Barco licita a xestión do cine para os dous próximos anos

María Cobas Vázquez
m. cobas O Barco / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

LOLITA VÁZQUEZ

O Concello está disposto a pagar ata 27.000 euros por manter o servizo funcionando ata xuño de 2020

23 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello do Barco sacou a concurso a xestión do cine municipal, situado no teatro Lauro Olmo. Aínda que a programación de estreas renovouse hai unhas semanas, na actualidade é unha empresa contratada a que se está encargando do servizo. E así seguirá ata que se resolva o concurso lanzado onte. As empresas interesadas en xestionar o cine teñen oito días de prazo para presentar as súas ofertas.

A adxudicataria encargarase do cine o que resta de tempada (ata principios de xuño) e tamén a próxima (desde setembro de 2019 a xuño de 2020). Coincide coa tempada escolar «ao ser o principal destinatario do servizo», segundo recolle o prego de condicións do concurso. Recolle tamén o documento que se contrata por non dispor o Concello de persoal suficiente para xestionar un servizo «que tivo unha boa acollida entre a cidadanía durante o período que se prestou como experiencia piloto e que repercute positivamente na actividade comercial e de lecer do municipio, xerando un escaso custo económico para as arcas municipais ou mesmo un posible lixeiro beneficio». Sobre as posibles ganancias, dependerán do número de entradas vendidas, xa que por cada unha -o prezo do cine no Barco é de cinco euros-, a empresa abonará polo menos un ao Concello (é o mínimo que marca o prego, pero as empresas poden aumentar esa cantidade na súa oferta). Na experiencia piloto vendéronse 1.800 ao mes. En previsión de que a situación non sexa tan beneficiosa para o adxudicatario, o Concello ofrece un máximo de 27.108,84 euros a pagar á empresa adxudicataria ata xuño de 2020. Pola súa banda, o Concello seguirá asumindo os gastos de luz, auga e limpeza do edificio.

A Rúa comprará proxector

Ata fai un par de anos, tamén había cine no centro cultural Avenida da Rúa, pero o paso a éraa dixital impediu seguir coas proxeccións. Desde entón leva o bipartito buscando fondos para poder comprar un proxector dixital, e aínda que non logrou os 38.000 euros, si conta cunha partida de 20.000 euros da Deputación. O resto de sufragará con fondos municipais, segundo avanzaba o alcalde, Luis Fernández Gudiña. «A idea é compralo xa, estamos ultimando o contrato para licitar canto antes», dicía. Sobre se despois a xestión será municipal ou se licitará para que a asuma unha empresa, na Rúa aínda non o teñen decidido. «Como temos algo máis dun mes ata que se resolva todo o que implica a adxudicación, xa o miraremos», engadía.