O Barco acondicionará as cunetas de Veigadecabo ao Castro para ampliar a calzada

La Voz O Barco / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

LOLITA VÁZQUEZ

A obra permitirá aproveitar todo o espazo ata os muros

17 abr 2018 . Actualizado ás 16:28 h.

A estrada que vai desde Veigadecabo (un pouco máis arriba do cuartel da Garda Civil) ata a vila de O Castro non é o suficientemente ancha como para que poidan pasar dous coches sen problema. E a situación complícase se ademais de cruzarse dous vehículos, nese instante para pola zona un viandante. É unha situación coñecida polo goberno do Barco de Valdeorras, que intentará corrixila leste mesmo ano. A forma elixida foi a de hormigonar as cunetas ata os muros que cercan a calzada, para evitar que creza a maleza e, ademais, sexa aproveitable todo o terreo tanto por vehículos como por peóns. «Desta forma, poderase usar todo, tanto a calzada como a beiravía e a cuneta para poder pasar», explicaba o alcalde, Alfredo García.

A obra custa 55.000 euros, dos cales 46.000 son achegados polo Agader da Xunta a través do plan Marco. O resto do diñeiro, correspondente ao IVE, correrá a cargo das arcas municipais. O plan Marco permite facer a obra en dúas anualidades, polo que podería demorarse ata 2019, aínda que non será así. O alcalde aseguraba onte -tras recibir a confirmación da axuda- que os traballos sairán a concurso «o máis rápido posible, porque o proxecto xa está feito e non ten sentido agardar». No entanto, o rexedor non concretou máis a data da actuación.

Asfaltado ata Xagoaza

Ademais, avanzaba García que «está para asinar» a obra de asfaltado da estrada que vai desde Tremiñá ata Xagoaza, que inclúe tamén a rehabilitación da subida ata o mosteiro. Esta actuación está incluída no plan Marco do ano pasado, que non puido executarse, polo que levará a cabo nas próximas semanas. As obras teñen que estar listas para mediados de verán. Trátase dunha zona moi utilizada especialmente durante o verán e na vendima.