Búscanse alumnos para invadir pupitres e patios de recreo

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

cedida

Os colexios abren estes días as súas portas para descubrir as súas instalacións aos novos alumnos

26 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Do 1 ao 20 de marzo ábrese o prazo de inscrición para alumnos que se escolarizan por primeira vez e durante o mes de febreiro os colexios da provincia abriron as súas portas para que os pais puidesen coñecer as súas instalacións.

Nalgúns casos -sobre todo en centros de zonas rurais ou menos poboadas que a capital- a idea serve para atraer a potenciais estudantes que poidan estar a dubidar entre varias opcións. É o caso do colexio Julio Gurriarán, do Barco, que durante o prazo de solicitude de escolarización ofrecen un percorrido polas instalacións aos pais primerizos e a aqueles que están a pensar en cambiar ao seu fillo de centro. «Os que queiran ver o cole poden vir calquera día, non temos unha data específica. Basta con pasarse por aquí ou chamar por teléfono para que algún dos profesores en hora libre poda amosarlles as nosas instalacións», explica o xefe de estudos, Ignacio Hermida. «Houbo un ano que fixemos unha xornada específica pero entendemos que deste xeito podemos adaptarnos mellor aos horarios dos país», aclara.

«Exceso de matrículas non temos. Podíamos ter máis alumnos, agora andamos nos 300, pero non consideramos que esteamos mal», puntualiza sobre unha diminución do número de alumnos que aínda non lles afecta tanto como a outros municipios ourensáns.

No caso do CEIP Mestre Vide, o centro do barrio das Lagoas, as portas só se abren para que grandes e pequenos percorran as futuras aulas nas que comezarán a súa formación e seguramente forxarán as súas primeiras amizades. «Todos os martes de febreiro, de 16.00 a 17.00 horas recibimos a pais e potenciais alumnos, aínda que se algún pai necesita vir fóra dese horario tamén o atendemos», subliña o director, Juan Manuel Regal. Neste caso fano para mostrar as súas instalacións e a oferta de actividades extraescolares posto que de cantidade de nenos non teñen queixa. «Nós de alumnos estamos saturados porque temos 450 prazas e matriculados a 452 alumnos. Así que o facemos, máis que nada, para que aqueles pais que son novos poidan comprobar onde e en que condicións van estar os seus fillos», aclara Regal.

Un terceiro motivo para abrir de pao a pao as portas aos proxenitores pode ser o de mostrarlles como traballan os seus fillos os contidos á vez que participan nunha xornada lúdica e coñecen a outros pais. É o que levan varios anos facendo no colexio Miraflores. «Este ano transformamos todo o colexio nun aeroporto ao que chegan voos de diferentes países. Os alumnos, axudados polas súas familias, tamén prepararon pratos de varios países que logo compartiron. E pola tarde facemos unha especie de festival de Eurovisión pero cos países que desembarcaron no aeroporto, que este ano foron a India, Canadá, Nova Zelandia, Irlanda e Kenia entre outros. Todo se desenvolve en inglés», incide David Lázaro, director do centro.

Outros colexios que estes días reciben visitas de proxenitores son o Luis Vives -o mércores pola tarde será a próxima-, Maristas, Carmelitas, Franciscanas ou o Divina Pastora do Barco.

Os institutos, sobre todo os de zonas rurais, tamén buscan con esta opción atraer a alumnos a unhas aulas con máis pupitres baleiros cada ano. É o caso do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, o Sección de Sobradelo-Carballeda ou o instituto Xermán Ancochea Quevedo no que se matriculan mozos do municipio de Trives e arredores.