Muíños acollerá unha película baseada nun conto de Ferrín

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

MUÍÑOS

Santi M. Amil

A produtora busca localizacións e figurantes no concello coa previsión de empezar a gravar o 8 de novembro

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O próximo 8 de novembro comezará no concello de Muíños a gravación da película de Anxos Huerta titulada O Corpo Aberto. Pola Baixa Limia poderase ver aos actores Tamar Novas, Elena Seijo, Víctor Fábregas ou Federico Pérez Rey , entre outros. Detrás do traballo está o produtor Gaspar Boullón e os irmáns Jorge e Pepe Coira que, da man da directora e Dani Domínguez (ambos os guionistas), adaptaron o conto Lobosandaus, que Xosé Luís Méndez Ferrín incluíu no seu libro Arraianos.

Durante estes días, o equipo da película que se desprazou a Muíños buscou localizacións e fixo probas aos veciños que farán de figurantes na historia que se gravará, tamén, nas localidades lusas de Tourem e Pitoes, para dar vida a un pobo imaxinario. Lobosandaus conta a historia dun mestre destinado a unha escola unitaria da raia nos primeiros anos do século XX. Acaba de saír do seminario e tócalle vivir o feitizo do corpo aberto que, na mitoloxía, representa a alguén predisposto a que entre nel un espírito que o utiliza para manifestarse. A historia, que se desenvolve durante a celebración do entroido, prevese gravar ao longo dunhas cinco semanas e achegará ata a fronteira portuguesa a un equipo formado por unhas 80 persoas.

«O relato orixinal desenrolase nunha aldea que non existe. A idea é reconstruíla a través de diferentes localizacións en Muíños e en Portugal. Nesta semana estivemos buscando figurantes entre os veciños das localidades onde gravaremos e tamén buscando espazos que poidan conformar esa aldea onde se desenrola a historia, tanto interiores como exteriores», explica Gaspar Boullón, produtor da película. Detrás do traballo están a TVG, TVE e a RTP portuguesa e será distribuída por Filmax. A idea é presentala en diferentes festivais antes de que chegue ás salas. Prevese que estea rematada nun ano e póidase ver nos certames de San Sebastián e Sitges, ademais de en o OUFF.

Sobre a resposta de Xosé Luís Méndez Ferrín a esta adaptación da súa obra, Boullón destaca: «Foi marabillosa, aínda que non entrou no guión. Ademais, hai que ter en conta que o propio relato de Ferrín é moi cinematográfico». O Corpo Aberto é a primeira longametraxe de ficción de Anxos Huerta , que vén de ser multipremiada polo seu traballo documental Esquece Monelos, co que logrou tres premios nos Mestre Mateo (mellor documental, dirección de fotografía e montaxe).