A bica tamén pode ser verde ou negra

María Cobas Vázquez
María Cobas O Barco

MONTEDERRAMO

Pilar Iglesias y Carlos de la Iglesia han comenzado a vender a través de Correos Market
Pilar Iglesias e Carlos da Igrexa comezaron a vender a través de Correos Market Santi M. Amil

A Panadería Vilanova de Montederramo innova sobre a receita orixinal do doce

24 novs 2020 . Actualizado ás 16:00 h.

Bicas hai moitas. E para gustos, cores. Cores? Nunca tan literal foi a resposta, porque en Trives a bica é amarela. En Laza, en cambio, prefírena branca (porque leva nata) e en Montederramo pódela atopar verde ou negra, segundo, de novo, gustos. Son as dúas peculiares propostas que hai uns meses lanzaron ao mercado desde Panadería Vilanova. No forno sempre fixeron bica desde a apertura do negocio alá polo 2004, pero non foi ata fai tres ou catro anos que Pilar Iglesias e Carlos da Igrexa decidiron dar un paso máis e innovar, así que decidiron facer unha bica de té matcha, de aí a cor verde; e outra de millo curvo, que lle dá a tonalidade escura. A idea do té na bica ocorréuselle a Carlos. «Estiven vivindo en Xapón e alí facían doces con té matcha, así que decidín probar. E o resultado é espectacular», sinala. Estaban a investigar nese formato cando souberon que en Bueu estaban a recuperar o millo curvo e decidiron probar como quedaría na bica. Contan desde Panadería Vilanova que esta última está a ter moi boa acollida entre o público -«a de té menos, porque é un sabor máis peculiar», recoñece o panadeiro-, cada vez máis afastado. Porque agora tamén venden a través de Internet. Os irmáns entraron en Correos Market, a plataforma creada pola empresa postal para achegar os produtos de pequenos produtos radicados no rural a calquera punto de España. «Aquí é difícil que unha empresa loxística ofreza un bo prezo, e con Correos Market temos unhas tarifas moi competitivas, e ademais temos a oficina aquí ao lado para poder facer os envíos», explica De la Iglesia.