«Está a axudarnos xente desde distintos puntos de Galicia»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

MASIDE

Miguel Villar

Iniciativa do Nadal en Dacón para axudar á familia á que lle ardeu a casa

25 dic 2020 . Actualizado ás 16:27 h.

Tres días antes de Noiteboa, Soraya Gómez e a súa familia quedaban sen a súa casa na aldea de Dacón, en Maside, por culpa dun incendio que a devorou en poucas horas. Este Nadal está a ser a máis dura das súas vidas. Tanto ela e os seus fillos, como a súa irmá e os seus, e tamén a súa nai, María, unha anciá cuxos pais xa criaron nesa vivenda, están pasando as datas do Nadal durmindo en caravanas. «Está a ser horrible porque non temos espazo nin pertenzas. Necesitamos alugar algo mentres duren as obras de reconstrución da nosa casa», di Soraya. «Todos os meus recordos estaban alí e agora son só cinzas», engade, entre bágoas, María. A familia participa todos os anos no Belén vivente de Dacón. Os pequenos Edgar e Alma fixeron de neno Jesús cando aínda eran recentemente nados, Sofía e Nerea fixeron de anxos, Manuel de paxe, Giovanni de pastor e a propia Soraya de Virxe María.

Xa que o covid-19 obrigou a cancelar a tradición desta pequena aldea de Maside, á asociación de veciños ocorréuselle organizar un encontro cos Reis Magos, onde ademais de recibir as cartas dos nenos e entregarlles caramelos, tamén recolleron donativos para a familia. «Levan toda a vida colaborando co Belén, coñecémolos moito e queriamos apoiarlles o máximo posible nestes momentos tan difíciles», explica Olalla Crespo, unha das organizadoras da iniciativa. A solidariedade non se fixo agardar o día de Nadal e o espazo habilitado para depositar os donativos estaba a rebordar de bolsas con mantas, roupa, comida e demais utensilios. «Foi unha sorpresa que non nos agardabamos e non podemos sentirnos máis agradecidos. Moitos veciños estannos axudando e tamén xente que vén de distintos puntos de Galicia», afirma Soraya. Desde Ourense, Boborás, Ribadavia ou A Cañiza, moitos son os que este venres quixeron solidarizarse con esta familia de Dacón e achegarlles algo co que poder axudarlles a soportala.

Miguel Villar

Doutra banda, a visita dos Reis Magos a Dacón o día de Nadal non pasou desapercibida para os nenos da zona. Para Iker, de 7 anos, foi unha sorpresa. «Viña deixar uns xoguetes para os nenos aos que se lle queimou a casa esta semana e atopeime con isto», dicía ilusionado e coas mans a rebordar de caramelos. O rei Melchor foi o encargado de desinfectalas antes de pórlle os doces amais : «Aquí mantemos sempre a seguridade frente ao covid-19».