Arde unha casa en Maside e deixa sen fogar a dúas familias

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz OURENSE

MASIDE

Cándida Andaluz

No momento do incendio non había ninguén dentro da vivenda

21 dic 2020 . Actualizado ás 19:27 h.

Eran ao redor das once da mañá cando Soraya recibiu a chamada dun veciño da parroquia de Dacón no concello ourensán de Maside. Cando chegou xa era tarde. A súa vivenda estaba totalmente calcinada así como todo o que había dentro: a vida de dúas familias. A celeridade dos grupos de urxencias e dos bombeiros do Carballiño foi crucial para que as chamas non chegasen ás casas lindeiras. «Pola mañá marchei ao médico, eran sobre as dez da mañá, fun a última en saír da miña casa. Non sabemos aínda que é o que puido pasar», relataba Soraya Gómez, visiblemente afectada. Na vivenda residían once persoas: cinco membros dunha familia na planta baixa e outros seis na de arriba. «Ardeu todo, todo... Os nenos estaba no colexio a esa hora. Din que puido ser a estufa, pero nós sempre nos preocupamos de que todo estea ben cando nos marchamos. Creemos que puido ser un curtocircuíto». 

Nada quedou, nin sequera os animais de compaña, dous cans e dous gatos que faleceron dentro da casa. Ambas as familias terán que reorganizar a súa vida, aínda que polo momento conta con axuda: «Temos varios curmáns que nos acollerán. Quédanos aí toda a vida, incluso os agasallos para este Nadal». 

Os servizos de urxencias traballaron durante toda a xornada na zona, xa que foi difícil apagar as chamas polos materiais de contrucción da casa. Tratábase de evitar que calquera rescaldo puidese afectar as vivendas lindeiras. A última hora aínda se descoñecían as causas do incendio.