A unión fai a festa en Trives

María Doallo Freire
maría doallo O Barco

MANZANEDA

Este ano, o CEIP trivés Manuel Bermúdez Couso actuou como anfitrión da convivencia de educación infantil

31 may 2019 . Actualizado ás 11:28 h.

Pasaron 22 anos desde que colexios do oriente ourensán decidiron xuntarse para organizar, de forma anual, unha convivencia de alumnos de Educación Infantil á que puxeron o nome dos seus protagonistas, Cholo e Nela. Dous personaxes de animación que teñen o obxectivo de que os nenos se divirtan, compartan tempo xuntos e, sobre todo, celebren un día inesquecible. Este mércores tocoulle ser anfitrión, por segunda vez, ao CEIP Manuel Bermúdez Couso de Trives. «É moito traballo de organización e de preparación, pero a verdade é que tamén é moi ilusionante». Así o afirmaba a directora do centro, María Lamelas, minutos antes de que chegasen os preto de 500 nenos e 400 adultos que encheron o recinto. Colexios do Barco, do Bolo, Manzaneda, Castro Caldelas, Sobradelo, Vilamartín, Vilariño de Conso, Rubiá, A Rúa, A Veiga, Casaio e, especialmente este ano o da Peroxa -despois de que unha profesora que levaba anos colaborando coa iniciativa fose trasladada este colexio- achegaron aos seus alumnos de infantil ao municipio trivés. Os escolares, os pais, voluntarios que colaboran coa organización ao coidado dos nenos, e os docentes, estiveron acompañados en todo momento por Protección Civil. Maiores e pequenos gozaron de actividades preparadas para a gran festa: exhibicións de coches de bombeiros, ambulancias ou motos da Policía Local; colchóns; e talleres de comida, de manualidades e ata de auga. O día rematou cun concerto protagonizado por Cholo e Nela.