Ourense é a terceira provincia máis barata para practicar o esquí

MANZANEDA

Santi M. Amil

A falta de neve é o principal lastre de Manzaneda, que pechou as pistas por terceira vez desde o 3 de febreiro

25 feb 2019 . Actualizado ás 19:00 h.

Aínda que Galicia é unha das comunidades autónomas con menos quilómetros esquiables en España, un informe elaborado por ShopAlike, coincidindo co momento clave da tempada, revela outros datos que converte á Estación Oca Manzaneda nun dos puntos atractivos para moitos afeccionados, sobre todo os do noroeste da península, así como os portugueses.

E é que a instalación ourensá é das máis baratas en canto ao prezo medio do bono diario, establecido no seu caso en 22 euros. Unha cifra que só é máis baixa en Burgos, cos 18 euros que custa o billete por un día na estación de Lunada, na cordilleira cantábrica. Tamén chega apenas aos 20 euros o prezo en Soria, mentres que o de León supera o fixado en Ourense, acadando os 26.

Se se ten en conta o prezo diario, sen atender os quilómetros dispoñibles, a estación máis cara é unha das clásicas das vacacións brancas, a de Baqueira Beret, cunha media de 52 euros ao día, seguida de Sierra Nevada, cun custo en tempada alta 48,5 euros.

Cabe ter en conta a situación dos portugueses, cunha única estación na Serra dá Estrela, onde un día esquiando sairá en 25 euros, por baixo do prezo medio en España, que queda nos 32 euros e o de Andorra, que se eleva ata máis de 41 euros por día.

Fronte ao prezo está o hándicap da falta de neve en Manzaneda, que este ano mesmo se está agravando debido ás condicións meteorolóxicas dos últimos días. E é que aínda que, zonas como as dos Pireneos parecen distinguirse do resto dun país non moi vinculado ao sur coa neve, si chama a atención o total de 30 estacións de esquí repartidas nun total de quince provincias de nove autonomías.

A metade desas instalacións están situadas na cordilleira pirenaica onde nos atopamos con catorce delas, sobre todo na vertente catalá, que é a autonomía con máis estacións de toda a península, contabilizando unha decena. Séguenlle Aragón e Castela e León con seis cada unha.

O caso particular de Andorra con tres estaciones é coñecido pola súa localización montañosa, pero poucos afeccionados coñecen a citada localización portuguesa, a escasos 200 quilómetros de Cáceres. Manzaneda, pola súa banda, é o reduto galego para os afeccionados que optan por desprazamentos curtos. Para iso, obviamente, fai falta unha neve que por exemplo este venres non había, motivo polo cal as pistas estaban pechadas. Hai que ter en conta que Manzaneda abriu a tempada o pasado 3 de febreiro e que desde entón pechou en tres ocasiones -aínda que as instalacións se manteñen abertas para uso turístico- e durante moitos días só había unha pista dispoñible, con apenas trescentos metros esquiables. Con esta perspectiva, non importa o barata que sexa a estación de Manzaneda se non é posible pórse os esquís.