Maceda pon en marcha a súa mesa local de coordinación contra as violencias machistas

La Voz OURENSE / LA VOZ

MACEDA

CONCELLO DE MACEDA

A primeira reunión celebrouse o xoves e prevense encontros trimestrais para programar accións de prevención

18 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Maceda reuniu por primeira vez no seu Concello á Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. A mesa nace con intención de celebrar reunións trimestrais e estará presidida pola concelleira de Servizos Sociais, Dependencia e Medio Ambiente, Ana María Rodríguez Blanco (Espazo Común).

O persoal do Centro de Información á Muller (CIM) e dos servizos sociais municipais serán vocais, así como os representantes dos corpos e forzas de seguridade (Policía Local e Garda Civil), dos centros educativos, os servizos sanitarios, e doutras institucións como a Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, o equipo Muller-Menor (Emume) da Garda Civil, Cruz Vermella, Anpas e asociacións de mulleres rurais.

A mesa constituíuse o xoves no Concello, coa presenza do alcalde de Maceda, Rubén Quintas. O rexedor e a concelleira Ana María Rodríguez destacaron o papel das institucións locais para promover a igualdade e previr a violencia de xénero.

Entre os obxectivos desta mesa está a sensibilización ao redor da igualdade de xénero e a coordinación de accións entre as diferentes áreas, entre elas as que se programarán de cara ao 8 de marzo, ademais de facilitar a coordinación dos axentes implicados na loita contra este grave problema social.