Maceda vibra co éxito do seu ciclismo

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

MACEDA

Santi M. Amil

O Concello dedica unha homenaxe a Iván Feijoo e Carlos Canle polos seus logros e o pobo envórcase co traballo de Xulio Conde e da familia do club ciclista

16 feb 2019 . Actualizado ás 21:25 h.

Se os discursos pronunciados na homenaxe ao Club Ciclista de Maceda entrasen nun xerador de nube de palabras, algunhas das de maior tamaño ou máis repetidas serían «éxito», «orgullo», «equipo» ou «familia». Os últimos logros deportivos internacionais dos mozos corredores do club Carlos Canle e Iván Feijoo -campións de España de ciclocrós e destacando en probas da Copa do Mundo- foron o aliciente para un acto de recoñecemento público de Maceda á súa escola e ao seu club ciclista.

As palabras éxito e equipo uniunas o alcalde, Rubén Quintas, para dicir que aínda que se aplaudan os triunfos individuais dos deportistas, o fundamental do Academia Postal é o equipo que hai detrás. O presidente da empresa patrocinadora, Francisco Nóvoa, fillo predilecto de Maceda, incidiu en que o apoio material é necesario, pero que, persoalmente, o que tratou de darlles sempre aos membros do club é «apoio, ánimo e compaña». Destacou que os deportistas combinan a súa preparación física e técnica coas súas responsabilidades de formación e mencionou o apoio familiar, dos pais que viaxan e acampan cos seus fillos alá onde compitan.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, falou do orgullo e a paixón por este deporte que mostra o Club Ciclista Maceda, a quen atribuíu o mérito de que a Volta a España pasase polo municipio. A traxectoria de Canle e Feijoo, é un «orgullo e unha ilusión» para a Federación.

O circuíto exterior de BTT estará o bosque do Castelo

O alcalde de Maceda dixo que chegou a confirmación da Xunta de que Maceda terá un circuíto exterior permanente de BTT. A Administración autonómica achega 40.000 euros e construirase no bosque situado na zona inferior do Castelo de Maceda. Rubén Quintas propuxo que se chame «Circuíto Xulio Conde». A alma máter do club, xa totalmente emocionado cos «¡bravo, bravo!» que o público lle dedicou previamente, só puido musitar que prefería que se chamase José Antonio Hermida, o deportista catalán de orixe macedano que empurrou a creación da escola nos seus inicios. Conde destacou que o club está a escribir «páxinas importantes» no ciclismo español, algo que co tempo se valorará máis. Iván Feijoo falou en nome dos homenaxeados para lembrar que seguiron o ronsel de Pablo Rodríguez e agardan que os nenos que veñan detrás quéiranlles emular a eles para «seguir levando Maceda por todo ou mundo». Noela Saa agradeceu o apoio de todos.