Comuneiros de Lobios restauran o monte queimado no incendio do 2017

La Voz OURENSE / LA VOZ

LOBIOS

cedida

A comunidade de Puxedo, Guende e A Cela levou a cabo un proxecto de plantación de árbores de ribeira e de recuperación do río Mao

04 abr 2019 . Actualizado ás 14:12 h.

A comunidade dos montes comunais de Puxedo, Guende e A Cela, en Lobios, púxose ao choio para restaurar o que o lume esnaquizou nos incendios forestais do 2017. Ardeu entón o 80 % das 1.086 hectáreas do comunal destes pobos. Unha das actuacións prioritarias era a limpeza da canle do río Mao e a recuperación da ribeira autóctona de ribeira. Para iso plantáronse 300 árbores de distintas especies frondosas autóctonas como bidueiros, fresnos, alisos ou castiñeiros.

Dentro deste proxecto, restaurouse tamén do Muíño dá Alén, situado na área recreativa do Portiño. O obxectivo é incluílo na ruta de muíños creada hai dous anos e que xa conta con outras catro edificacións deste tipo xa restauradas. Dentro destes traballos tamén sinalizar os accesos aos muíños e ás pozas de baño como a da fervenza das Olas.

A intervención púidose levar a cabo co financiamento dunha liña de axudas para investimentos non produtivos enmarcadas na consecución de obxectivos agroambientais e climáticos en parques naturais -a zona afectada pertence ao do Xurés-, especifican desde o colectivo. Grazas a iso, dispuxeron dun orzamento de 14.500 euros para acometer estes traballos.

As tarefas seguirán nos próximos meses, coa restauración do muíño Ranguello e continuando coa recuperación da vexetación de ribeira noutro tramo do río. A finalidade é crear un «corredor verde» para uso e goce veciñal, ademais da propia restauración ambiental, de especies arbóreas e das augas. A xunta reitora da comunidade está redactando un plan de ordenación do monte que contemple o seu uso multifuncional.