Lobeira formalizou os trámites da compra da casa de Xocas

La Voz OURENSE / LA VOZ

LOBEIRA

PILI PROL

O Concello xa é titular do inmoble adquirido á prima do etnógrafo e que debe ser restaurado integralmente pois está en ruína

17 ene 2020 . Actualizado ás 14:22 h.

O Concello de Lobeira xa é o propietario legal da casa de Xaquín Lorenzo, Xocas, o etnógrafo ourensán que viviu e morreu na vivenda situada na localidade de Facós. O Concello rematou no mes de novembro os trámites notariais relacionados coa adquisición do inmoble a unha prima do investigador da cultura galega. Despois de anos abandonada, o pasado verán o Concello comproulle a casa a Dolores Sáez, a prima herdeira, tras conseguir os 40.000 euros necesarios, que achegou a Deputación.

A partir de agora, segundo apuntou o alcalde, Antonio Iglesias (PP) farán xestións coas administracións para conseguir os fondos necesarios para levar a cabo a rehabilitación do inmoble, que debe ser integral.

No ano 2004, cando a Real Academia Galega -institución á que pertenceu Xocas- dedicoulle o Día das Letras Galegas, na casa de Facós celebráronse algúns dos actos centrais daquel ano de conmemoracións. Unha placa lembra que é a súa casa familiar. Con todo, tras anos de desuso e abandono, a casa necesita unha rehabilitación total, pois sufriu unha gran deterioración e mesmo chove no seu interior. Por iso, o Concello preparará un proxecto para presentar ás liñas de subvencións que poidan saír para este tipo de intervencións.