Lobeira honra a Xocas cunha placa conmemorativa no 30º aniversario do seu adeus

La Voz OURENSE

LOBEIRA

Agostiño Iglesias

O etnógrafo, que integrou o Grupo Nós, deixou un importante legado de investigación sobre as tradicións culturais galegas

19 jul 2019 . Actualizado ás 17:13 h.

Ourense e a localidade de Lobeira capitalizaron este xoves os actos de homenaxe a Xaquín Lorenzo, Xocas, no 30º aniversario do seu falecemento. O etnógrafo, que integrou no seu momento o Grupo Nós, deixou un importante legado en forma de traballos de investigación sobre as tradicións e costumes galegos no ámbito cultural. Na súa antiga casa familiar, situada na parroquia de Facós, colocouse unha placa conmemorativa.

Ao acto acudiron diversos representantes da política comarcal e autonómica. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, uniuse ao mediodía.Tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. «En Lobeira , Xocas observaría a decadencia dun mundo campesiño xa daquela en transformación, e que o se apresurou a estudar a partir dunha capacidade innata para a observación, a descrición e a análise minuciosa», dixo Santalices.

Ademais, a Sociedade Filatélica Miño acudiu ao cemiterio ourensán de San Francisco, onde repousan os restos de Xocas, para realizar unha ofrenda floral no panteón. Alí estiveron o presidente da Sociedade Filatélica, José Barros, e o director de o Colexio Cardenal Cisneros, Benigno López.