Xunqueira de Espadanedo e Larouco sairán das restricións máis duras

María Cobas Vázquez
María Cobas O Barco

LAROUCO

Larouco está libre de casos
Larouco está libre de casos LOLITA VAZQUEZ

Ambos os concellos deixarán de estar pechados perimetralmente, e a hostalería poderá reabrir

23 feb 2021 . Actualizado ás 19:26 h.

Os concellos de Xunqueira de Espadanedo e Larouco deixarán atrás as restricións máis duras o venres. Aínda que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou que ambos os concellos, xunto a Gomesende, A Gudiña e A Peroxa seguirían pechados perimetralmente a partir do venres, finalmente non será así. A corrección de erros permitiu o cambio. A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, xa advertiu o luns á Xunta de que no seu concello levaban varios días libres do virus; e esa mesma tarde recibiu a confirmación da Consellería de Sanidade de que pasaría ao nivel tres de desescalada, polo que a hostalería poderá abrir ata as seis da tarde, co 30 % de capacidade en interior e o 50 % en terraza. A situación afecta aos dous bares da localidade, un situado no centro urbano e outro en Freixido.

No caso de Xunqueira, pasará a nivel dous, polo que a hostalería só poderá servir en terraza, coa capacidade ao 50 %.

A Xunta non tivo en conta, doutra banda, a reclamación do Concello da Gudiña de que se tomasen en conta os datos do luns (e non os do domingo), porque ese día houbo varias altas na localidade, o que lles permitiría avanzar na desescalada. Finalmente, seguirán pechados perimetralmente e coa hostalería traballando só para servizo a domicilio ou para levar.