Que viva Esgos!

Bieito Romero
Bieito Romero O Son DO AR

ESGOS

22 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Meus pais naceron na Ribeira Sacra ourensá. Miña nai no lugar de Paradela, parroquia de Niñodaguia, pertencente ao concello de Xunqueira de Espadanedo, e meu pai no lugar de Melón de Abaixo, parroquia de San Pedro de Rocas, pertencente ao concello de Esgos. E é sen dúbida por iso que, a pesar de ter nacido na Coruña, teño un profundo sentimento de arraigo naquelas terras. No antigo mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) está soterrada unha boa parte da familia por parte de meu pai, e alí o meu avó Xerardo, dende Melón de Abaixo e a cabalo, ía xogar á baralla co derradeiro dos curas que oficiou misa naquel lugar antes de ser trasladados os oficios relixiosos definitivamente á igrexa de Quinta do Monte, notablemente máis moderna. Non hai moito tempo, e dentro dunha xira que fixemos por diferentes mosteiros da Ribeira Sacra de Ourense, demos un concerto no contorno deste máxico lugar. Para min foi moi emotivo poder tocar músicas da propia terra nun lugar tan sagrado e vencellado aos meus antepasados, e máis se cabe porque ese mesmo día nomeáronme fillo adoptivo do concello de Esgos. Unha honra que me emocionou sobre todo ao pensar en meus pais e no contentos que se porían de poder vivir aquel momento. O concerto tivo que ser en dúas partes, xa que estaba día de tormenta e por aquelas terras, no mes de setembro, que descargue ou non é coma unha lotería. E tocou do lado máis torto e choveu; polo tanto, a primeira das partes foi no escenario establecido, e a segunda tivo que ser dentro do propio mosteiro, nun acústico improvisado cheo de intención e boa enerxía coa compañía dun dos grandes mestres da olaría de Niñodaguia, Agustín Vázquez -o mellor intérprete da figura do afiador que eu coñezo-, xunto a Santiago Bonay de Luíntra e tamén ás madamas e aos felos de Esgos, uns dos máximos representantes do entroido daquelas terras. Polo tanto unha xornada fantástica, para min inesquecible, na que sentín a emoción dos que volven ás súas orixes e senten o que iso significa, e co calor e o agarimo dunhas xentes que ateigaron o espazo e que fixeron que pasásemos unha tarde-noite inesquecible na terra dos meus devanceiros.