O músico Bieito Romero , fillo adoptivo do municipio ourensán de Esgos

La Voz OURENSE / LA VOZ

ESGOS

Alberte Paz Garza

Recibiu onte a distinción no mosteiro de San Pedro de Ogas

16 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O fundador e membro de Luar na Lubre, Bieito Romero , recibiu onte no mosteiro de San Pedro de Rocas (Ourense) o nomeamento como fillo adoptivo no Concello de Esgos. «É terra de boa xente, moita dela que emigrou polo mundo levando consigo as marabillas deste lugar cheo de historia e de historias, como a que encerra este impresionante mosteiro e a súa maxia; e aquí precisamente xestamos o noso último traballo de luar na Lubre (Ribeira Sacra), pola forza que entendíamos tiña este lugar».

O novo fillo adoptivo de Esgos tamén lembrou que desde que saíu a luz este traballo levan realizando máis de cen concertos por toda España e por Chile, Arxentina, Reino Unido, Bélxica e Portugal. «A xente enche teatros, entusiasmada para oír as historias que lles contamos sobre a Ribeira Sacra, sempre desde a perspectiva do que sente o noso corazón e do que ven os nosos ollos», indicou Bieito Romero . No acto celebrado en San Pedro de Rocas, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, definiu ao galardoado como un dos máximos expoñentes da música galega. «Falar de Bieito Romero é falar de Luar na Lubre, a súa gran aportación á cultura con maiúsculas». Subliñou, ademais o presidente da Deputación de Ourense, o seu labor «a prol da universalidade da música».

Pola súa banda, o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, destacou a importancia dun día «tan especial» para o municipio. No transcurso da celebración, Bieito Romero recibiu o pergamiño coa certificación plenaria acreditativos do nomeamento, e unha figura en bronce que representa a espadana do mosteiro de Rocas. O grupo Luar na Lubre interpretou como remate do acto dous temas do seu repertorio e o himno do antigo reino de Galicia. Foi a previa dun concerto que ofreceron pola tarde. «É algo co que estamos moi ilusionados, porque o feito de poder tocar aquí e moi especial e moi ilusionante. Este recoñecemento o levarei por onde a vida me leve, co máximo respecto, orgullo e ilusión», concluíu.

O artista, fundador de Luar na Lubre, tamén está moi unido á Costa da Morte