Os auditores creen que o exdirector de Entrimo montou unha «banca paralela»

La Voz OURENSE

ENTRIMO

m. v.

A defensa asegura que o imputado é unha «chiba expiatorio» e reclama a absolución por falta de probas

20 sep 2019 . Actualizado ás 08:32 h.

Era un sistema de «banca paralela». Así describiron os auditores de Abanca a conduta do exdirector da oficina de Entrimo, ao que estes días se xulga na Audiencia por haberse apropiado, presuntamente, de 1,5 millóns de euros dos clientes. Os expertos que investigaron o ocorrido tras coñecerse as irregularidades, aparentemente cometidas ao longo de quince anos, explicaron ante o tribunal que atoparon anotacións falsas en cadernos, a miúdo feitas con máquina de escribir, así como certificados con firmas que «sen ningunha dúbida» eran falsas. Tamén constataron que o acusado, José Luis F. A., quedaba con diñeiro que os clientes lle entregaban para ingresalo nas contas, dispondo logo ela desas cantidades con fins que non se puideron constatar, aínda que se cre que entre outras cousas usaba ese diñeiro para pagar intereses a outros clientes, aos que prometera rendibilidades por amais das autorizadas. Falaron os peritos, en concreto, dun afectado0 que ao longo de varios anos ingresou 800.000 euros que nunca se chegaron a rexistrar oficialmente.

En base a estas evidencias e aos testemuños dos prexudicados, case todos maiores e con residencia en Portugal ou o estranxeiro, tanto o fiscal como o letrado da acusación particular, que exerce Abanca, pediron a condena para o imputado, ao que atribúen os delitos de apropiación indebida e falsidade documental, con penas que van desde os 6 ata os 9 anos de prisión. Solicitan, ademais, a devolución do diñeiro.

Pero para a defensa non hai evidencia algunha de que existise esa apropiación do diñeiro por parte do acusado. «Non se probou nada», dixo o letrado, que responsabilizou á entidade bancaria de buscar unha «chiba expiatorio para culparlle da súa mala xestión».Cuestionou que Abanca vísese prexudicada e asegurou que «aquí se tiña que ter investigado un delito de branqueo de capitais».