A xuízo un director de banco por estafar aos seus clientes 1,5 millóns

La Voz OURENSE

ENTRIMO

IAGO CORTÓN

O home, que será xulgado na Audiencia, era responsable dunha oficina de Entrimo

14 sep 2019 . Actualizado ás 09:38 h.

Cimentaba a confianza cos seus clientes entregándolles documentación falsa sobre as súas contas bancarias e abonándolles intereses, pero todo era unha farsa coa que logrou facerse con importantes cantidades de diñeiro. É a conduta que atribúe o Ministerio Fiscal a José Luis F. A., quen a próxima semana se sentará no banco dos acusados da Audiencia provincial para responder os delitos de apropiación indebida e falsidade documental que lle imputa a acusación pública, solicitando para el unha condena de seis anos de cárcere e unha responsabilidade civil de 1,5 millóns de euros, a cantidade que, presuntamente, estafou.

Os feitos terían ocorrido entre os anos 1998 e 2015 na sucursal de Abanca de Entrimo. Nela traballaba o acusado, quen aproveitando a súa condición de director tería tramado un plan para quedar co diñeiro dos clientes. Fíxoo, presuntamente, de tres formas distintas. «Realizou disposicións indebidas de fondos depositados en contas dos clientes sen o consentimento nin a autorización destes; apoderouse de cantidades entregadas en efectivo polos clientes, e realizou pagamentos de extratipos polos fondos depositados polos clientes, á marxe dos contabilizados pola entidade bancaria», recolle o escrito de acusación, que detalla como procedeu en nove casos concretos. Nunha ocasión fixo que figurasen nunha conta 811.500 euros en favor dos seus titulares, cando o saldo que tiñan en realidade era de 0 euros, xa que segundo se presume o acusado habíase apropiado dese diñeiro. A maior parte das veces tratábase de clientes con importantes aforros e que levaban tempo como clientes do banco, polo que existía unha relación de confianza da que o acusado se aproveitou, ata que o pillaron. A maior parte dos prexudicados xa foron indemnizador polo banco.