A mellor acuarela de Compostela é ourensá

Por María Doallo OURENSE

COLES

Cedida

A artista Manuela Elizabeth Rodríguez gaña o concurso Compostela Ilustrada

12 novs 2019 . Actualizado ás 14:47 h.

Manuela Elizabeth Rodríguez foi a encargada de realizar o debuxo gañador da segunda edición do concurso Compostela Ilustrada. A artista naceu en Venezuela en 1990 peros trasladouse a Ourense con tan só tres anos e actualmente vive en Santiago por cuestións de traballo. «Son ourensá, aínda que vivín xa en varias cidades de Galicia, pero a maioría dos meus recordos están aquí», afirma Manuela, cuxo nome artístico é MeliMolita.

Era a súa segunda vez no concurso: «Preséntome a todo o que podo. Gústame ir a este tipo de citas coa arte». E ao que a segue, conséguea. Admite que non se agardaba gañar pero que foi unha alegría enorme. «Fíxome moitísima ilusión porque é un concurso de debuxo rápido e o resultado depende moito das circunstancias. Non tiña todas comigo e con todo gañei así que estou superfeliz», conta Manuela, que se refire a como a meteoroloxía e os factores externos poden influír á hora de pintar ao aire libre. Tardou dúas horas e media en rematar a súa acuarela, menos do tempo do que dispuña. No seu caso retratou unha das imaxes máis características da rúa do Vilar compostelá, o trafego no café Casino de Santiago. «Quería captar o ambiente máis tradicional da cidade. Tardei media hora en decidirme pero ao final situeime diante do café e foi unha boa idea. Desde a miña situación puiden captar o trafego dos clientes, que é maior cando hai mal tempo, e ademais a choiva tamén me favoreceu á hora de debuxar os reflexos, no chan, nos cristais...», explica. Afirma que o resultado era tal cal llo imaxinaba. Agora a agardar a que chegue o seguinte concurso.