Primeiro posto para a banda de Coles

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

COLES

Cedidas

A agrupación musical Santádega acadou o primeiro posto na sección infantil do concurso galego

12 novs 2019 . Actualizado ás 16:09 h.

Di Roberto Iglesias Rey , director da banda Santádega e da Escola de Música de Coles, que aínda que ían moi preparados, non agardaban gañar: «Eramos a agrupación con menos experiencia, fronte a Ribadumia e a Vilaboa». Fala dos seus competidores na sección infantil do Certame Galego de Bandas de Música, no que Santádega quedou primeira. «Foi unha pasada. Os nenos flipaban xa só de estar alí. Tras case seis meses de ensaios era verdade que nos presentabamos e cando nos elixiron gañadores non o podiamos crer. Algúns choraban e todos compartimos unha emoción grandísima», explica Roberto. Este ano as bandas máis novas tiñan que interpretar unha peza libre —a de Coles escolleu A Freixa de Rogelio Groba— e unha común ás tres que foi Ou pequeno Nicolás de José Luis Tielas Santiago. Os 42 pequenos músicos que conforman o grupo Santádega levan só catro anos traballando xuntos aínda que era o primeiro concurso ao que se presentaban. «A nosa banda era a máis nova, tanto como formación, como por idade. Temos nenos de 8 aniños tocando», di o director. O mellor recoñecemento agardaba en casa. Ao regreso da banda ao municipio, unha chea de familiares e veciños, encabezados polo alcalde, Manuel Rodríguez, estaban a agardarlles con pancartas e entusiasmo. Que non pare a música.